Tomiño prepara unha xornada deportiva e solidaria co I Torneo Escolar de Tenis Benéfico

Tomiño prepara unha xornada deportiva e solidaria co I Torneo Escolar de Tenis Benéfico

Escola de Tenis e Concello celebrarán o 24 de marzo un encontro co que se recadarán alimentos non perecedoiros e roupa para as asociacións SOS Tomiño Baixo Miño e Solidariedade nas túas mans

Deporte, diversión e solidariedade daranse a man no I Torneo Escolar de Tenis Benéfico, un encontro organizado pola Escola de Tenis en colaboración co Concello de Tomiño que busca promover a actividade deportiva entre a rapazada ao tempo que se fomentan valores como a solidariedade. “Este tipo de eventos son fundamentais para achegar aos máis novos e novas a outra realidade dun xeito ameno e lúdico e para continuar colaborando coas entidades locais que traballan día a día para axudar ás persoas e familias que máis o precisan na nosa comarca”, salienta o concelleiro de Benestar Social e Deportes, Rubén García.

O torneo celebrarase o domingo 24 de marzo nas pistas municipais de Tomiño dende as 09.30 ata as 13.30 horas e estará dirixido a rapaces e rapazas de entre 4 e 13 anos. Para inscribirse e participar no encontro, as e os participantes deberán doar comida non perecedoira ou roupa que irán destinadas a SOS Tomiño Baixo Miño e á asociación Solidariedade nas túas mans.

O campionato estará dividido en cinco categorías (peques, 2019-2020; prebenxamín, 2017-2018; benxamín,  2015-2016; alevín, 2013-1014 e infantil, 2011-2012) e contará con agasallos para todas e todos os deportistas participantes. Durante a mañá haberá sorteo de premios, merenda para a rapazada inscrita e entrega de trofeos e medallas ás e aos gañadores do encontro.

As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información a través do teléfono 680 124 239 ou do correo electrónico ctgondomar@hotmail.com. Para facilitar a participación, as inscricións poderán realizarse a través dun formulario en liña.

O concelleiro anima a todas as nenas e nenos a participar neste evento deportivo e solidario, onde poderán gozar dunha xornada chea de diversión ao tempo que achegan o seu gran de area ás persoas que máis o poidan necesitar en Tomiño e na comarca.