Tomiño prepárase para morrer de risa cun novo espectáculo de Malasombra Producións

Tomiño prepárase para morrer de risa cun novo espectáculo de Malasombra Producións O público poderá desfrutar da obra teatral ‘De algo hai que morrer’ este sábado 6 de abril ás 21.00 h no auditorio municipal de Goián

Se ‘De algo hai que morrer’, mellor que sexa da risa. Tomiño prepárase para desfrutar este sábado 6 de abril dunha xornada hilarante da man de Malasombra Producións e o seu último espectáculo, unha conferencia fúnebre, cómica e teatral coa que os actores Jouse García e Xoque Carbajal farán ao público morrer da risa.

As e os espectadores atoparanse cunha divertida posta en escena na que dous prestixiosos e peculiares científicos, o profesor Jeckill e o profesor Hyde, divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao 100% da poboación de todo o mundo sen distinción de raza, sexo ou relixión: a morte. Os dous científicos representarán en clave humorística as distintas circunstancias arredor da morte, dende como desfacerse dun cadáver ata posibles melloras nas formas de morrer ou o funcionamento dunha axencia de colocación de defuntos.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima a toda a veciñanza a deixarse levar polo humor desta obra de Malasombra Producións que ven de gañar o Premio ao mellor espectáculo ‘Dorotea Bárcena 2023’ no Festival do Teatro Galego. Trátase dun galardón outorgado polo público que asistiu ao festival celebrado no Carballiño e que deu á obra dirixida por Marcos Orsi un 9,4 sobre 10 de media.

Dirixida a persoas adultas, a posta en escena desta peza teatral será ás 21.00 horas no auditorio municipal de Goián. As entradas poderán mercarse a un prezo de 3 euros unha hora antes do espectáculo no despacho de billetes do propio auditorio.