Tomiño presenta un libro que recolle as árbores senlleiras do municipio A iniciativa, pioneira no ámbito municipal galego, pretende servir tamén como un recurso educativo que poña en valor o patrimonio natural

Con motivo da conmemoración do Día dos Bosques, este domingo o Concello de Tomiño presentou un catálogo de árbores senlleiras, co que se pretende poñer en valor ás árbores máis identificativas e singulares do municipio e o seu patrimonio natural e cultural asociado, unha iniciativa pioneira no ámbito municipal galego. O libro está dispoñible para descarga na web municipal.

A iniciativa, promovida polo concelleiro Francisco Campo e impulsada pola anterior concelleira de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez, recolle un total de 125 rexistros compostos por 116 árbores e 9 formacións correspondentes a 40 especies. Delas, a metade son autóctonas coma o carballo, o sobreiro, o amieiro ou o freixo, e a outra metade corresponden a especies exóticas e foráneas como a oliveira, o magnolio ou o cedro do Himalaia. 

Segundo explica o autor do libro, Xurxo Mouriño, o traballo de campo e recopilación estivo levándose a cabo durante o último ano e medio, onde destacou tamén a implicación e participación de moitos veciños e veciñas na conformación do catálogo. “Quixemos darlle un enfoque múltiple, de xeito que tivese un carácter técnico pero que tamén servise como recurso educativo e divulgativo”, comenta.

Do mesmo xeito, desde a concellería de Medio Ambiente que actualmente dirixe Ana Belén Casaleiro, explican que se escolleron sete rexistros do catálogo para propoñer que sexan incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, e valórase a posibilidade de que o catálogo poida ampliarse facendo unha segunda recopilación.

Concurso de árbores senlleiras

Co gallo da presentación do libro, desde a concellería de Medio Ambiente lanzan tamén o I Concurso de Composición Artística ou Relato Curto: ¿Como ves tí as nosas árbores senlleiras? no que os participantes deberán plasmar o xeito no que vén as árbores singulares do municipio. Estarán divididos en catro categorías dependendo da idade (benxamín, ata os 6 anos, infantil, de 7 a 11 anos, xuvenil, de 12 a 17 anos e adulto, a partir de 18).

Nas categorías benxamín e infantil os participantes poderán presentar un debuxo ou composición realizado con materiais reciclados ou naturais, mentres que na xuvenil e de adultos terán tamén a opción de presentar un relato curto de ata catro páxinas. Haberá dous premios por categoría, entre os que se atopan entradas para visitar a granxa-escola Corazón de Carballo, un circuíto no Ecoparque Marín ou un circuíto termal no Talaso Atlántico de Baiona, entre outros. As bases do concurso están publicadas na web municipal e os participantes terán de prazo para presentar as súas obras ata o vindeiro 14 de maio. Podes acceder ás bases do concurso premendo aquí.