29 Out Tomiño promove o benestar da veciñanza coa súa adhesión á Estratexia estatal de Promoción da Saúde O Concello aprobou en pleno sumarse a esta iniciativa do Ministerio de Sanidade para impulsar a promoción da saúde e a prevención
Tomiño dá un novo paso no compromiso co benestar da súa veciñanza. O Concello aprobou en pleno a súa adhesión á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde (SNS), unha iniciativa do Ministerio de Sanidade que persegue a promoción da saúde e a prevención co obxectivo de gañar anos de vida en boa saúde e libre de discapacidade.
A alcaldesa, Sandra González, subliñou que “esta adhesión é un compromiso firma co benestar dos nosos veciños e veciñas. A saúde non é só non padecer enfermidades, senón a promover hábitos de vida saudables que nos axuden a ter unha maior calidade de vida”.
Esta estratexia propón o desenvolvemento de intervencións sinaladas como boas prácticas e baseadas na evidencia científica destinadas a promover a saúde e previr as doenzas, as lesións e a discapacidade, actuando de maneira integral sobre factores como a actividade física, a alimentación, o tabaco, o alcol e o benestar emocional, tendo en conta as contornas nas que vive a poboación.
O Concello de Tomiño leva tempo xa traballando neste camiño con accións como a posta en marcha da súa axenda ‘Impacto Saudable’, unha iniciativa pioneira a través da que se deseña un programa co para promover a actividade e os hábitos de vida saudables entre a veciñanza, sen importar a idade ou condición física, aínda que está especialmente pensado para mellorar o benestar das persoas adultas incorporando a través de andainas e outras propostas novos hábitos saudables ás súas vidas.
Tras a adhesión a esta estratexia o Concello porá en marcha novas actuación centradas na divulgación de información de calidade para que as persoas poidan desenvolver hábitos de vida saudables, así como dos recursos sanitarios ou non dispoñibles na contorna. Ademais de na poboación adulta, estas accións tamén se focalizarán na poboación infantil e durante o embarazo e a lactancia. Pola súa banda, para as persoas maiores de 70 anos porase en marcha un plan de seguimento para a mellora da saúde e a prevención da fraxilidade para que a veciñanza destas idades manteña un maior nivel de autonomía o máximo tempo posible.