Tomiño quere encher as súas franxas secundarias de seguridade e bosques autóctonos No 2022 tomáronse medidas ante as 365 parcelas que incumpriron a lei de prevención de incendios ou a ordenanza de xestión de biomasa

O Concello ten en marcha unha campaña para repoboar estas franxas que permitirá á veciñanza gozar nunha década de bosques de castiñeiros, carballos…

O Concello de Tomiño segue a traballar para encher as súas franxas secundarias de seguridade e bosques autóctonos. Xunto á intensa campaña de repoboación destes terreos con exemplares de árbores autóctonas, o Concello tomou as medidas necesarias ante 237 casos de incumprimento dos labores de xestión da biomasa en 365 parcelas, xa que as e os propietarios teñen a obriga de limpar os terreos e talar especies prohibidas para cumprir a Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia ou a Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa.

“Dende o Goberno local estamos traballando cada día non só para protexer o noso municipio a día de hoxe, senón coa vista posta no futuro. Queremos que dentro de dez anos os nosos veciños e veciñas poidan gozar de bosques de castiñeiros, carballos, sobreiras, bidueiros… de árbores autóctonas como as que estamos a entregar aos propietarios e propietarias das franxas secundarias que cumpren co seu compromiso e coas súas obrigas. E traballamos ano tras ano para consolidar esta iniciativa para facer de Tomiño un exemplo onde vivir para os nosos fillos e fillas, no que desfrutar da natureza ademais de gozar do monte forestal”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Expedientes abertos

Todos os casos tramitados no ano 2022 abríronse tras recibir 183 denuncias de particulares, un 54,09% máis que no ano 2021. A maioría destas denuncias, o 77% (261 expedientes), foron motivadas por incumprir a ordenanza municipal de xestión da biomasa, mentres que outras 18% (62) foron tramitadas pola lei de prevención de incendios e o 5% restante (18) por non cumprir as obrigas sobre camiños públicos da ordenanza municipal. Das 372 parcelas denunciadas durante o ano 2022 o 92% xa foron tramitadas, mentres que un 6% (24 expedientes) foron desestimados e os restantes 7 expedientes están pendentes de tramitar.

En canto á titularidade das parcelas expedientadas, dos 341 tramitados un total de 42 son de titularidade descoñecida, mentres que outras 120 teñen persoas propietarias pero con dirección para a notificación descoñecidas. Dos terreos con propietarios e propietarias que foron notificadas, soamente 7 non recolleron as cartas enviadas, polo que, como é preceptivo, publicouse o correspondente anuncio no BOE a efectos de notificación.

A pesar de que das 341 parcelas expedientadas só 39 persoas propietarias comunicaron que limparan os terreos e 6 que estaban pendentes da tala de árbores, o Concello comprobou nos labores de revisión que moitos dos propietarios e propietarias limparan as súas parcelas aínda que sen aviso posterior á administración local.

Por parroquias, a de Tomiño é a que maior número de casos acumula, un total de 140, multiplicando por cinco os do ano 2021. Un ascenso xeral que se nota en todas as parroquias e que destaca tamén en Amorín, con 64 expedientes, e Forcadela, con 36. En Goián tamén destaca o ascendo de solicitudes de limpeza de parcelas, con 23 notificacións. Por contra, as parroquias con menor número de expedientes foron Piñeiro e Vilameán, con 5 e 4, respectivamente.

“É moi importante que toda a veciñanza colabore nunha cuestión tan importante como a prevención de incendios forestais mantendo limpas as parcelas situadas nas faixas secundarias, un labor no que se debe incidir de xeito máis exhaustivo nas parroquias con maior risco, aínda que é unha obriga que afecta a todo o municipio”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

Enche o teu monte de vida autóctona

Dende o Concello lembran que continúa en marcha a campaña ‘Enche o teu monte de vida autóctona’, unha iniciativa a través da que se entrega planta forestal frondosa e autóctona á veciñanza para contribuír a repoboar as máis de 850 hectáreas de franxas secundarias nas que as persoas propietarias deben realizar unha xestión correcta da biomasa e onde, segundo a Lei de prevención de incendios forestais, está prohibida a existencia de árbores como pino, eucalipto ou acacia.

Este ano o Concello repartirá 1.800 exemplares de cerdeiras, nogueiras, érbedos, castiñeiros, carballos, sobreiras, aciñeiras e bidueiros que se suman ás 1.600 árbores entregadas durante o pasado ano 2022 e que se plantaron en 149 parcelas que sumaron un total de 61 hectáreas.

As persoas titulares das 13.200 parcelas de franxa secundaria do Concello e que teñan a biomasa correctamente xestionada poden solicitar xa as plantas para a súa parcela directamente no departamento de Medio Ambiente, con preferencia a aqueles veciños e veciñas que non levaran árbore o ano pasado e que pertenzan ás dúas parroquias consideradas prioritarias polo risco de incendio (Forcadela e Tomiño).