17 Nov Tomiño realiza dous talleres de autoestima dirixidos a mulleres O Concello pon en marcha estas iniciativas ao abeiro da programación do 25N
Xa está aberto o prazo para inscribirse a través da web municipal
O Concello de Tomiño continúa camiñando cara á igualdade e a erradicación da violencia de xénero cunha ampla variedade de actividades coa que conmemorar o 25N. Dentro deste programa, porá en marcha dous talleres de autoestima, dous obradoiros de hora e media de duración no que as participantes poderán “aprender a construír o amor propio coas técnicas máis avanzadas e efectivas de autocoñecemento: o coaching e a intelixencia emocional e corporal”.
Impartido pola coach e formadora Ana Pazo, as participantes nos talleres adquirirán unhas ferramentas sinxelas e claras coas que poder construír a súa autoestima cada día, con dinámicas prácticas doadas de integrar na súa vida cotiá.
O Concello organizará dúas quendas para este taller, unha primeira que será o mesmo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O segundo obradoiro celebrarase xa o vindeiro ano, o 9 de marzo. Ambos talleres serán na Casa Salgosa en horario de tarde, de 17.00 a 18.30 horas. Serán de balde e con prazas limitadas.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa tanto para o taller deste mes de novembro como para o de marzo de 2024 a través da web municipal.