Tomiño recibe o outono con teatro, música e humor na Casa da Cultura

OUTONO 2014 deputación

O Concello organiza un Outono Cultural con teatro e humor durante os meses de outubro e novembro

Entre os grupos convidados están os grupos Fulano, Mengano e Citano e Mofa e Befa

A Casa da Cultura de Tomiño, recentemente reformada, será o espazo onde se celebrará o Outono Cultural 2014, coa participación de varios grupos destacados do panorama teatral galego, como é o caso de Fulano, Mengano e Citano e Mofa e Befa.
Abrirá o ciclo, o vindeiro domingo, 5 de outubro, ás 20.00 horas, a obra “Sede de mal”, un espectáculo no que se conxugan teatro, humor e música, posto en escena polos actores Luis Iglesia e Xabier Deive (fixéronse moi populares polos seus papeis na serie da TVG “Matalobos”). Trátase dunha comedia con diálogos cargados de humor, ironía e música en directo; fórmula coa que estes dous destacados actores logran enganchar ao público con reflexiones e preguntas sobre a vida mesma.
O seguinte domingo, 12 de outubro á mesma hora, chegará aos tomiñeses a obra “Decameron, historias para tempos ruíns”, con Cándido Pazó e o 19, farano “Misión Sapiens”, da Compañía Malasombra Produccións.

No mes de novembro, haberá outras tres propostas artísticas. O domingo 16 actuará na Casa da Cultura a partir das 20 horas, Mofa e Befa, coa súa obra “Cociña económica”.

O 23 do mesmo mes tocaralle ás “As do Peixe”, pechando o ciclo o día 30 Fulano, Mengano e Citano coa súa proposta “Viva a crise”.
Todas as sesións serán na Casa da Cultura, os domingos ás 20.00 horas, con entrada xeral de 3 euros.