Tomiño reclamará á Xunta os gastos xerados pola desinfección dos centros escolares

Tomiño reclamará á Xunta os gastos xerados pola desinfección dos centros escolares O Concello levou a pleno unha moción similar á presentada por BNG e PSdG-PSOE e aprobada en sesión plenaria na Deputación de Pontevedra

Tomiño súmase á reivindicación para que a Xunta dote de suficiente profesorado e persoal aos centros escolares, garantindo así a actividade educativa ao longo deste curso en calquera dos escenarios posibles. O Concello aprobou este xoves unha moción similar á presentada de forma conxunta por BNG e PSdG-PSOE e aprobada en sesión plenaria na Deputación de Pontevedra, na que se solicita ao goberno autonómico que asuma a responsabilidade e adopte medidas que son da súa competencia.

Un consenso en materia educativa que tamén inclúe a reclamación para que a Xunta dote aos centros escolares doutros medios necesarios que os permitan adaptarse ao protocolo de seguridade pola COVID-19, elaborado de forma unilateral polas consellerías de Educación e Sanidade.

A crise sanitaria supuxo un reto sen precedentes para o sistema educativo. Profesorado, familias e administracións locais fixeron un grande esforzo para mitigar todos os problemas xurdidos. Por este motivo, o Concello quere tamén emprazar á Xunta a abrir un diálogo urxente coa comunidade educativa e coa FEGAMP para resolver os problemas xerados por este protocolo anti COVID-19 e que atinxe a cuestións como a posta en funcionamento de comedores, plan Madruga e actividades extraescolares.

Así mesmo, Tomiño reclamará que a Xunta leve a cabo os traballos de desinfección dos centros escolares obrigatorios por protocolo, tarefas que a pesar de ser de competencia autonómica o Concello está a asumir nestes intres por responsabilidade co ensino público e coa saúde de todos e todas. Por este motivo, Tomiño tamén se sumará a petición de que a Xunta se faga cargo dos gastos de desinfección dos centros ou que elabore de forma consensuada un Plan Extraordinario de Limpeza e Desinfección dotado do financiamento necesario e que asuma a totalidade do sobrecuste destas tarefas.