Tomiño recolle máis de 70 quilos de lixo na limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega

Tomiño recolle máis de 70 quilos de lixo na limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega As e os voluntarios que participaron atoparon a maioría dos residuos durante o percorrido cara o río, mentres que nos arredores do río da Pedra case non se detectou lixo

Éxito de participación en Tomiño na colaboración coa limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega ao abeiro do Proxecto Ríos o pasado 29 de setembro, unha xornada pensada para retirar lixo da beira dos ríos, para concienciar á veciñanza e para achegar un gran de area na conservación dos ecosistemas. Os voluntarios e voluntarias que participaron nesta iniciativa recolleron un total de 70,85 quilos de lixo, a maioría atopado no percorrido dende o punto de encontro na Praza do Seixo ata o río da Pedra, xa que apenas se detectou lixo nos arredores dos ríos do municipio.

Organizada pola Concellería de Medio Ambiente en colaboración da OMIX de Tomiño, nesta ocasión participaron tamén voluntarios e voluntarias do Centro Terapéutico Alborada. Pola súa banda, un ano máis o alumnado do CEP Pedro Caselles tamén formou parte desta iniciativa  e percorreu dous días antes, o venres 27 de setembro, as beiras do río Pego para facer unha primeira revisión e recollida do tramo apadriñado por este centro, “aínda que apenas atoparon lixo xa que levan varios anos facendo limpeza nesa zona”.

Equipados con camisetas da iniciativa, auga, luvas, bolsas de recollida e paus con pinchos na punta, os voluntarios e voluntarias partiron da Praza do Seixo cara o río Pedra pasando polo centro de saúde e por camiños de monte. No traxecto atopouse un vertido incontrolado con restos de escombros e obra, voluminosos e varios plásticos enterrados que se procederon a situar e fotografar para interpoñer a correspondente denuncia. Neste percorrido tamén se atoparon colillas, todo tipo de envases e bolsas plásticas, caixas de tabaco, vidro, algún elemento de coche, faros, escobillas, canaletas e mesmo un capacho vello, entre outras cousas.

Por contra, xa no río, as persoas participantes na iniciativa percorreron ambas marxes sen atopar apenas lixo, salvo pequenos envoltorios de plástico e papel, restos de confeti, un trozo de tubo e unha roda, un elemento que orixinariamente era empregado como columpio na zona e que estaba tirada no medio do río.

En total recolléronse 9 quilos de lixo arredor do río e 61,75 quilos durante o percorrido. A actividade rematou coa exposición recollida durante a actividade no Biomercado celebrado na Praza do Seixo.

Dende a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Ana Belén Casaleiro, quérese agradecer a participación de todas e todos os voluntarios, que se afanaron en deixar o tramo recorrido sen rastro de lixo nunha actividade que serve para concienciar a toda a cidadanía da importancia do coidado do medio ambiente, de mantelo limpo e de facelo sostible.



X