Tomiño recoñece os logros do ciclista Diego Álvarez Alonso

Tomiño recoñece os logros do ciclista Diego Álvarez Alonso O Concello ofreceu unha recepción na que gabou os grandes éxitos obtidos polo deportista na súa curta carreira

Subiuse a unha bicicleta por primeira vez pasada a pandemia, para seguir facendo deporte e despexarse tras o confinamento nun momento no que os ximnasios estaban pechados. Dende entón, Diego Álvarez Alonso non deixa de colleitar éxito tras éxito. O Concello organizou unha recepción ao ciclista afincado en Tomiño, un encontro no que felicitar ao deportista pola súa carreira curta pero meteórica.

“É un orgullo ver o gran talento que teñen os nosos veciños e veciñas e como con paixón, dedicación e esforzo conseguen grandes logros”, destacou a alcaldesa, Sandra González. A rexedora remarcou a importancia do deporte para a vida, porque “é saúde, compañeirismo, amizade… e valores importantísimos que queremos seguir transmitindo ás novas xeracións”.

Dende que puxo un pé enriba da bicicleta, Diego Álvarez demostrou os seus grandes dotes de corredor todoterreo e polivalente. Deportista do club Os de Sempre Florentiña, na súa curta carreira xa se proclamou campión da Copa Galicia 2022 e campión da Trasatlántica MTB Series 2023 cun récord de pleno de vitorias, cinco de cinco, tras 17 anos de historia da competición.

Durante a recepción, a alcaldesa, concelleiros e concelleiras deron os parabéns a Diego Álvarez e animárono a continuar progresando e recollendo triunfos como ten feito ata agora.