Tomiño recoñece os logros, o esforzo e a paixón sobre o kaiac de David Mella

Tomiño recoñece os logros, o esforzo e a paixón sobre o paracanoe de David Mella Campión do Mundo de Paracanoe en Hungría, o piragüista tomiñés é todo un exemplo de superación e esforzo

Leva deslizándose sobre a auga dende que era un cativo, aínda que tivo que botar man da forza de vontade para adaptar a súa vida deportiva á nova realidade que lle tocou vivir tras un accidente. O Concello de Tomiño mantivo un encontro co piragüista tomiñés David Mella, que vén de proclamarse campión do mundo en paracanoe en CL1 200 m tras brillar con luz propia na competición celebrada na localidade húngara de Szeged.

A alcaldesa, Sandra González, gabou o mérito do goianés e salientou que para o Concello “é un orgullo contar con deportistas do nivel e da calidade humana de David, un referente incrible para todas e todos nós que demostrou que con paixón, determinación e tesón non hai meta inalcanzable”.

O deportista do Kayak Tudense e do Equipo Nacional de Paracanoe da Real Federación Española de Piragüismo adestra a diario para dar o mellor de si nunha categoría que aínda non está no programa paraolímpico, pero que probablemente se incluirá para Los Ángeles 2028.

Durante o encontro, a alcaldesa, concelleiras e concelleiros deron os parabéns a David Mella e animárono a continuar progresando e recollendo triunfos como ten feito ata o de agora.