Tomiño redactará un Plan municipal para a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles O Concello é o único municipio de Pontevedra elixido polo Fondo Galego de Cooperación xunto a Fene (A Coruña), Barreiros (Lugo) e Pobra de Trives (Ourense)

Tomiño será un dos catro concellos de Galicia que redactará un Plan Municipal para a Implementación dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles) co apoio do Fondo Galego de Cooperación.

Trátase dunha iniciativa de este último co obxectivo de coñecer a situación real do Concello de Tomiño con respecto á súa contribución e aliñamento cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles e á Axenda 2030, tanto a nivel de estratexias municipais, como de implementación real. Esta diagnose inicial servirá como guía e referencia á hora de elaborar o futuro Plan Municipal de implementación dos ODS, e unha serie de accións de comunicación e sensibilización aos colectivos sociais e á cidadanía en xeral.

Tomiño, único concello de Pontevedra seleccionado para por en marcha esta iniciativa (cofinanciada a través dun convenio coa Xunta de Galicia), participará da mesma con outros tres: Fene (A Coruña), Barreiros (Lugo) e Pobra de Trives (Ourense).

A consultora que dinamizará o proceso será Icsem no caso de Tomiño.

Segundo explicou hoxe Andrea García, coordinadora de proxectos do Fondo Galego de Cooperación, na presentación do plan no Concello de Tomiño, a metodoloxía de traballo será eminentemente participativa. Para iso, prevese unha recollida de información baseada en fontes primarias e secundarias, empregando focus group, encontros, enquisas, etc. que se adapten ás circunstancias das persoas participantes para dispor da información relevante e promover a súa colaboración e interese desde o inicio.

A idea é que tanto as administracións públicas como as organizacións sociais, poidan incorporar o Plan de Acción resultante dos estudos.

Así, está previsto realizar un taller de inicio e outro de finalización, que permita sensibilizar aos axentes municipais sobre a Axenda 2030 e garantir que o Plan Municipal de Implementación dos ODS responda ás súas necesidades e sexa unha ferramenta útil e aplicable. Ademais, elaborarase unha ferramenta de medición sinxela que a través de indicadores SMART (específicos, medibles, alcanzables, relevantes e temporais), permitan facer unha avaliación obxectiva sobre o grao de cumprimento do Concello con respecto aos ODS establecidos no Plan.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, comprometeuse a colaborar en todo o posible para que o plan municipal sexa unha ferramenta transversal, veraz e útil que guíe a actividade do goberno local cara a cada un dos ODS.