Tomiño rehabilita o lavadoiro da Portela, na parroquia da Sobrada O Concello continúa coa súa labor de recuperación do patrimonio etnográfico e arquitectónico do municipio para o desfrute da veciñanza

O Concello de Tomiño continúa na liña de recuperación do patrimonio etnográfico e arquitectónico da vila. Nesta ocasión, vén de rehabilitar o Lavadoiro da Portela, na parroquia da Sobrada, co obxectivo de protexer o seu valor patrimonial, recuperar dentro das posibilidades o aspecto orixinal e poñelo de novo en uso.

Esta obra de recuperación do patrimonio supuxo un investimento de máis de 20.000 euros que foron financiados ao abeiro dunha subvención da Deputación de Pontevedra para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural e a supresión da simboloxía franquista nos espazos públicos dirixidas aos concellos da provincia de Pontevedra no ano 2023.

Con este proxecto, preténdese tanto protexer e conservar o patrimonio cultural e etnográfico, como garantir a seguridade das persoas usuarias. As obras consistiron na rehabilitación da cuberta do lavadoiro, así como no cambio da estrutura de madeira debido ó seu mal estado. Esta reforma tamén incluíu o lavado e eliminación do cemento dos muros de mampostería para cambialos por un rexunte máis acorde á pedra. Ademais disto, arranxouse toda a contorna do lavadoiro para pór en valor a fonte alí existente.

Deste xeito, Tomiño continúa avanzando na recuperación e dignificación do seu patrimonio. “Este proxecto é importante para conservar e pór en valor o noso patrimonio, difundilo e perpetuar a identidade de Tomiño a través da historia, facendo partícipe á veciñanza no proceso”, comenta a concelleira de Cultura e Patrimonio, Ana Isabel Fernández.

Na mesma liña de actuación, a concellería levou a cabo a rehabilitación doutros espazos de interese etnográfico e arquitectónico como o Lavadoiro de Ramo ou o Muíño do Ferreiro.