Tomiño reivindica a igualdade nas aulas e sobre o escenario no Día Internacional da Muller

Tomiño reivindica a igualdade nas aulas e sobre o escenario no Día Internacional da Muller

O Concello organiza unha ampla programación para conmemorar o 8M que incluirá talleres formativos para máis de 300 escolares baseados na información recollida no Estudo-Diagnose sobre Igualdade e Violencia Machista no ámbito educativo

Tomiño quenta motores para seguir reivindicando unha igualdade real e efectiva este 8M, Día Internacional da Muller. O Concello prepara unha ampla programación na que obradoiros, teatro e arte audiovisual compartirán protagonismo para visibilizar a importancia de garantir e defender dereitos, rachar desigualdades e romper calquera teito de cristal. “Un ano máis deseñamos unha oferta ampla e aberta a todos os públicos, nos que implicar a veciños e veciñas de todas as idades, porque a igualdade nos involucra e depende de todas e todos”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

A programación do Día Internacional da Muller en Tomiño contempla este ano un eixo de vital importancia: a educación nos centros escolares das xeracións do futuro. Tras a información recollida no Estudo-Diagnose sobre igualdade de xénero e violencia machista no ámbito educativo, o Concello puxo en marcha varios talleres formativos nos que participarán máis de 300 nenos de diferentes centros educativos e do IES Antón Alonso Ríos. Deste xeito, impártese un obradoiro sobre ‘Masculinidades diversas’ no que o alumnado de 6º de Primaria poderá tomar conciencia sobre como os modelos de xénero inflúen na vida e nas relacións e achegarse a unha mirada crítica e positiva sobre a necesidade de observar que modelo de xénero queren ser.

O alumnado de 2º da ESO ‘Navega en positivo’ cun taller para un uso responsable das redes sociais dende unha perspectiva de xénero, buscando a reflexión sobre as desigualdades, as identidades, a privacidade ou a seguridade en liña, fomentando o emprego responsable de internet e previndo situacións de risco. Para rematar, o estudantado de 1º e 2º de Bacharelato participan na charla ‘Falemos de sexo’, un proxecto de educación afectivo-sexual con enfoque de xénero para adolescentes co que favorecer unhas relacións afectivo-sexuais máis xustas e igualitarias, desmitificar a pornografía ou reflexionar dende o punto de vista do benestar sobre algunhas emocións vinculadas ao desexo como poden ser os celos, o amor posesivo ou a concepción romántica do amor.

A programación continuará co bloque de actividades ‘Centradas en nós’, unha serie de obradoiros pensados por e para mulleres. O primeiro será o propio venres 8 de marzo cun taller de saúde feminina, un lugar de encontro no que abordar dous temas como a menopausia e o solo pelviano aberto a todas as mulleres para mellorar o coñecemento sobre a anatomía, funcionamento e coidado desta zona, educar sobre a importancia da autoexploración, concienciar sobre a súa importancia e principais patoloxías e achegar recomendacións e hábitos saudables para previr disfuncións. Será unha interesante charla de balde a partir das 10.30 horas no salón de plenos do Concello con entrada libre ata completar aforo.

O 9 de marzo a formación volverá gañar protagonismo coa celebración dunha nova sesión do segundo curso de autodefensa por e para mulleres, que cada sábado dende o 3 de febreiro ata o 30 de marzo permite ás participantes adquirir unhas habilidades básicas para previr ou defenderse en caso de afrontar situacións violentas. Esa mesma tarde A Salgosa acollerá ás 17.00 horas un obradoiro de autoestima, un taller de hora e media de duración no que aprender a construír o amor propio coas técnicas máis avanzadas e efectivas de autocoñecemento.

Coa ‘Escena en feminino’ o 8M tomiñés subirase ao escenario con actividades centradas nas artes escénicas. O propio Día Internacional da Muller, nas redes sociais municipais poderá verse ‘Actuando para acadar a igualdade’, unha peza audiovisual protagonizada polo alumnado da Escola de Teatro municipal. Xa o sábado 9, o teatro para público adulto toma o relevo con ‘Que din as rumorosas’, unha comedia de Arctyc de creación colectiva na que cinco actrices e unha bailarina sobreviven titanicamente ao día a día de ser muller… e artista. Será ás 21.00 horas no Auditorio de Goián con entradas a 5€ que poderán adquirirse unha hora antes da obra no propio despacho de boletos do auditorio.