Tomiño reivindica a memoria oral e histórica cunha nova edición do libro de Josefa García Segret

Tomiño reivindica a memoria oral e histórica cunha nova edición do libro de Josefa García Segret A obra presentarase o vindeiro 23 de abril ás 12.00 h na Casa dos Mestres de Forcadela

O libro vai acompañado dun vídeo no que a veciñanza toma a palabra para contar a dura represión vivida en Forcadela

Reivindicar a memoria oral e histórica da dura represión vivida na parroquia de Forcadela. Ese é o obxectivo co que o Concello de Tomiño vén de publicar unha nova edición de ‘Abaixo as ditaduras’, de Josefa García Segret, unha nova versión que recolle a tradución ao galego de María Alonso Seisdedos e que se completa cunha intensa contextualización histórica e coa testemuña de familiares dalgunhas das persoas que sufriron esa represión en primeira persoal.

Esta nova edición do Concello de Tomiño forma parte da Colección Afranio e súmase á colección que inclúe a reedición do libro ‘O Siñor Afranio’, que narra as memorias do político e líder agrarista Antón Alonso Ríos, e doutra obra sobre Daniel Calzado, xornalista e político tomiñés moi vinculado á República. A nova edición do libro de Josefa García Segret presentarase o vindeiro domingo 23 de abril ás 12.00 horas na Casa dos Mestres de Forcadela, aínda que en caso de choiva o acto trasladarase ao auditorio municipal de Goián.

“A obras de Josefa García Segret fainos ver o importante que é dar voz dalgún xeito a todas aquelas mulleres que sufriron a represión nas súas propias carnes e que non tiveron a oportunidade de contar a súa historia, a memoria dunha xeración de mulleres oprimida e soños aniquilados”, sinala a alcaldesa Sandra González.

‘Abaixo as ditaduras!’ é unha nova edición do libro escrito en castelán por García Segret, as memorias dunha muller represaliada, mestra nacional que chegou a Forcadela no ano 1930 cando o seu marido Hipólito Gallego, tamén mestre nacional, fora destinado a esta parroquia tomiñesa. Unha historia autobiográfica pero extensiva á doutras mulleres represaliadas a partir de xullo do 36 que editou e publicou ela mesma en 1982, catro anos antes da súa morte, e na que fala en primeira persoa do seu periplo por diferentes cárceres; da súa vida fóra da cadea e das cartas dirixidas ás mulleres que tan solidariamente lle axudaran dentro e fóra da cárcere; e da represión vivida en Forcadela.

A obras ábrese cun prólogo de Marga do Val, escritora e directora do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, no que contextualiza esta nova edición e no que fala das memorias das mulleres represaliadas e da importancia de continuar reivindicándoa.

O libro continúa coa investigación realizada pola historiadora Natalia Jorge, do grupo HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela, coa que se busca dar resposta a por que a represión en Forcadela foi tan dura. “É unha análise histórica do que pasa en Forcadela na que a voz da memoria, a memoria oral, ten un peso fundamental e que vai acompañada tamén por moitas imaxes”, explica Jorge. O libro continúa coa tradución ao galego da obra feita por María Alonso Seisdedos e péchase cun epílogo do escritor e profesor da Universidade de Vigo Manuel Forcadela construído a través das memorias da súa nai, que foi rapada nesta parroquia.

Con esta nova edición o Concello de Tomiño busca “dar a coñecer que o pasado non está tan afastado, que ten unha canle que o conecta co presente, e que é preciso reconstruír o quebracabezas do que pasou para poder entendernos e entender por que hai familias que aínda sofren como consecuencia desa represión”. Como destaca a historiadora, “queremos dar voz tamén a esas mulleres que calaron, que non tiveron a formación ou as posibilidades de Josefa García Segret para falar da súa historia e que atoparon na transmisión oral da memoria a súa forma de reivindicar, resistir, adaptarse e sobrevivir neses tempos de represión”.

Por ese peso tan importante da transmisión oral, o libro vai acompañado dun vídeo no que a veciñanza de Forcadela toma a palabra para contar as historias vividas na parroquia publicado nas redes sociais e na web do Concello este 14 de abril, coincidindo co Día da República.