Tomiño remata o seu percorrido polas parroquias cun balance positivo e novas ideas

Tomiño remata o seu percorrido polas parroquias cun balance positivo e novas ideas Máis de 450 persoas participaron nunha nova edición do programa ‘O Concello escoita’, que busca implicar á poboación na gobernanza do municipio

Grande acollida da nova edición do programa ‘O Concello escoita’, unha iniciativa que regresou ás parroquias tomiñesas tras o parón obrigado pola pandemia. O Concello de Tomiño retomaba así o seu percorrido polo municipio con 15 encontros celebrados nas últimas tres semanas nos que se xeraron espazos de conversa entre o goberno local e a poboación nos que a veciñanza achegou as súas inquedanzas e ideas, propuxo melloras ou compartiu opinións en positivo que axuden a deseñar un futuro mellor para Tomiño.

Máis de 450 persoas participaron nestas citas que comezaron o pasado 30 de xuño en Santa María de Tebra e Vilameán para percorrer despois Taborda, San Salvador, Amorín, Currás, Figueiró, Estás, Piñeiro, Sobrada, Pinzás, Barrantes, Forcadela e rematar a mediados de xullo en Tomiño e Goián. “O balance non pode ser máis positivo. Gobernamos sempre cunha escoita activa e moi preto dos nosos veciños e veciñas, pero todas e todos botabamos en falta esa interlocución directa e aberta para poñer en común os pasos que estamos dando cara o futuro e poder pensar xuntos e xuntas no Tomiño que queremos”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Durante estes encontros, rexedora e equipo de Goberno debullaron á veciñanza os proxectos máis importantes que se levaron a cabo ou que están en marcha no municipio nun ambiente distendido, cómodo e agradable, propicio para a conversa. “Despois de dous anos sen poder celebrar un dos nosos programas máis emblemáticos, a xente tiña moitas gañas de participar”, asegura Agustín González, concelleiro de Participación Veciñal e Lecer.

O concelleiro destaca “a gran cantidade de ideas e de novas iniciativas propostas polas persoas participantes e que sen dúbida permitirannos seguir camiñando cara un futuro no que todas as nosas parroquias seguirán mellorando”. “Rematamos estas tres semanas de encontros moi contentos e orgullosos de todo o que levamos feito e convencidos de que é a liña a seguir”, salienta.

Dende o Concello quérese agradecer o seu tempo, o seu interese e as súas achegas a todas as persoas que participaron no ‘Concello escoita’, un programa que continuará celebrándose en vindeiras ocasións para deseñar entre todos e todas o Tomiño do futuro.