Tomiño rende unha emotiva homenaxe a Pepe Coruto, un sabio do río Miño

Tomiño rende unha emotiva homenaxe a Pepe Coruto, un sabio do río Miño O público ateigou a Praza do Seixo para arroupar a este pioneiro que transformou a pesca da angula

Emocións a flor de pel na sentida homenaxe a José Álvarez Gayoso, Pepe Coruto, un sabio do río Miño. Tomiño celebrou esta fin de semana o seu acto cívico do Alivio nunha Praza do Seixo ateigada de autoridades, familiares e público que arrouparon a este tomiñés de carácter innovador que foi quen de transformar a pesca da angula no río Miño e que fundou a Asociación de Pescadores do Río Miño.

Máis de 500 persoas desfrutaron dun encontro moi emotivo no que a alcaldesa, Sandra González, e familiares de Pepe Coruto lle dedicaron unhas sentidas palabras. O propio homenaxeado quixo subir ao escenario para agradecer visiblemente emocionado este recoñecemento.

 

 

A vida de Pepe Coruto está vinculada ao Miño dende ben pequeno, cando con apenas 14 anos comezou a pescar. Pronto destacou polo seu traballo, as súas ideas e a súa capacidade para observar o río e ser quen de construír as ferramentas para aproveitar os seus xenerosos recursos. Foi observando como se deu conta de que o meixón ía coa marea e polo medio do río, polo que ideou unha rede con dúas áncoras de xeito que o peixe non tivera por onde escapar. E así transformou a pesca da angula. O seu amor polo río e a pesca levouno tamén a ser o fundador e primeiro presidente da Asociación de Pescadores do Río Miño, que chegou a ter ata 250 socios.

Neste multitudinario encontro a alcaldesa quixo agradecer tamén o labor das Forzas e Corpos de Seguridade e de Protección Civil de Tomiño polo seu traballo para poder gozar un ano máis das Festas do Alivio. Tamén gabou o traballo da Banda da Agrupación Musical de Goián, que amenizou o Acto Cívico, e da Comisión de Festas Virxen do Alivio polo esforzo que fan sempre para que tomiñesas e tomiñeses desfruten das súas festas grandes.