Tomiño réndese con grande éxito ao seu primeiro Festival de Maxia

Tomiño réndese con grande éxito ao seu primeiro Festival de Maxia Máis de 700 persoas desfrutaron do amplo programa de actividades deste evento que encheu de ilusionismo prazas, rúas e parroquias

Ilusionismo sen trampa nin cartón para conquistar a tomiñeses e tomiñesas. O I Festival de Maxia de Tomiño baixa o pano cun grande éxito de acollida, cinco días no que a arte da prestidixitación percorreu rúas, prazas e parroquias da man de reputados magos de recoñecemento nacional e internacional. Organizado pola Asociación de Maxia do Baixo Miño en colaboración co Concello, o festival reuniu a máis de 700 persoas que desfrutaron ao longo de varios días dunha ampla programación en diferentes puntos do municipio.

Así, máis de 30 nenos e nenas participaron no obradoiro deseñado para que a rapazada creara o seu primeiro maletín de maxia para poder mergullarse no mundo do ilusionismo coas súas propias ferramentas e máis de 200 espectadores e espectadoras achegáronse ao auditorio municipal de Goián para desfrutar dunha gala única e inesquecible.

Grande éxito tamén dos espectáculos nas rúas do concello, que se converteron en escenarios perfectos para reunir a case un cento de persoas para gozar de distintos tipos de maxia, tanto na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián como na Praza do Seixo e na Praza da Mina.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou a importancia de acoller eventos innovadores como o Festival de maxia, especialmente cando son impulsados por tomiñeses e tomiñesas. “Este festival non só ofrece entretemento e diversión, senón que tamén promoveu a cultura e reforzou o orgullo de ver a talentos locais recoñecidos internacionalmente como Samuel Moreno brillar na casa. Para o Concello é un orgullo apoiar iniciativas que enriquecen Tomiño e traer novos espectáculos que enchan de cultura e lecer o noso municipio”, recalcou.