Tomiño renova o seu convenio coa Agrupación Musical de Goián para garantir o funcionamento da entidade

Tomiño renova o seu convenio coa Agrupación Musical de Goián para garantir o funcionamento da entidade Cun importe de 25.000 euros, este convenio permite á agrupación manter uns servizos e programación estable

Tomiño mantén o seu compromiso coa Agrupación Musical de Goián. O Concello vén de asinar por terceiro ano consecutivo coa Asociación Sociocultural de Goián un convenio de 25.000 euros co que se subvencionará a actividade anual da Escola de Música e da propia agrupación musical.

A alcaldesa, Sandra González, asinou o convenio coa presidenta da Agrupación Musical de Goián, Pilar Ramos, nun acto celebrado no salón de plenos do Concello ao que tamén asistiron o vicepresidente da AMG, Alexandre Pérez, e o director da agrupación e das bandas de música, Pedro Villarroel.

O Concello de Tomiño renova este convenio que é de vital importancia tanto para a Escola de Música como para a Agrupación Musical de Goián, xa que se trata dunha fonde de financiación directa que se traduce nunha maior estabilidade. Entre outros aspectos, a través desta axuda financiarase a impartición de clases na Escola de Música, a preparación do alumnado para a súa posterior incorporación aos Conservatorios Profesionais de Música, as audicións trimestrais, a realización de concertos de diversa índole, a realización e organización de eventos culturais no Concello, a organización do Campamento Musical no verán ou a participación en festivais e certames competitivos a nivel provincial, autonómico, estatal ou internacional.

“A Agrupación Musical de Goián é un elemento esencial en termos culturais no noso concello, cun proxecto consolidado que naceu en 1998 e que enche de cultura e música o noso pobo con actividades de carácter educativo e cultural no ámbito da música”, salientou a rexedora. González recalcou ademais o gran labor que se realiza na Escola de Música, que ofrece clases para todas as franxas de idade a partir dos 3 anos, a nivel individual e colectivo, e que integra distintas agrupacións que son unha peza fundamental dentro da asociación, como a minibanda, a banda xuvenil, a banda de persoas adultas e outros grupos.

Con 25 anos de historia, a Agrupación Musical de Goián dá a oportunidade a nenos e nenas de mergullarse no coñecemento da música grazas á profesionalidade coa que se traballa na Escola de Música de Tomiño, que ten preto de 150 alumnos e alumnas. Unha actividade apoiada sempre dende o Concello, que realizou as obras de remodelación necesarias no auditorio de Goián para dotar á escola de aulas e espazos de ensaio ou oficinas, así como para mellorar o escenario ou equipamento de son e iluminación das instalacións, entre outros aspectos.

Co obxectivo de achegar a música clásica e tradicional a toda a veciñanza, fomentar a educación musical e en valores e “achegar o seu gran de area á toda a sociedade”, a Agrupación Musical de Goián conta no seu haber con máis de 500 actuacións e máis de 4.000 horas de formación académica, contribuíndo ao fomento, desenvolvemento, promoción e difusión da música e da formación musical como vehículo de expresión artística e pedagóxica.