12 Xuñ Tomiño repite a súa particular Operación Triunfiño Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nesta experiencia que rematará cun gran concerto final o 16 de xullo
Despois do grande éxito da primeira edición, a OMIX de Tomiño pon en marcha de novo o seu Operación Triunfiño, unha experiencia musical única cun completo programa no que a mocidade poderá aprender técnica vocal, desenvolver a súa actitude escénica e ampliar o seu repertorio.
Tras a formación previa, a mocidade realizará un ou varios concertos finais para dar a coñecer as súas habilidades ao público. Será un espectáculo no que se poderá escoitar unha peza colectiva a coro e unha individual por cada persoa participante e escollidas a elas e eles mesmos.
A actividade formativa desenvolverase os días 11, 12 e 13 de xullo en horario de 10.00 a 13.30 horas, mentres que o concerto final será o domingo 16 de xullo ás 11.00 horas na carballeira de Goián ou no auditorio municipal en caso de choiva.
Esta experiencia musical vai destinada a mozos e mozas a partir dos 12 anos e terá un prezo de 20 euros por persoa. As rapazas e rapaces interesados en participar poden inscribirse xa na páxina do Concello.