Tomiño retira case 50 quilos de lixo dos ríos Pego e Cereixo e do regato das Cerradas

Tomiño retira case 50 quilos de lixo dos ríos Pego e Cereixo e do regato das Cerradas Máis de 200 de estudantes, docentes e persoas voluntarias participaron na xornada de recollida ‘Móllate polos ríos’

Tomiño retira case 50 quilos de lixo dos ríos Pego e Cereixo e do regato das CerradasGrande éxito de participación en Tomiño na xornada de limpeza simultánea ‘Móllate polos ríos’, unha iniciativa impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, ao abeiro do Proxecto Ríos. Máis de 200 persoas entre alumnado, docentes e persoas voluntarias percorreron o pasado luns o río Pego, o Regato das Cerradas e o río Cereixo e a súas contornas para retirar todos os restos que se atopaban alí espallados.

Na xornada de limpeza tamén estivo presente persoal técnico de Medio Ambiente, así como a concelleira de Educación, Cristina Martínez, e a de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiros, que se repartiron entre os diferentes grupos para acompañar a todos os centros educativos participantes.

En total foron case 50 quilos de lixo recollidos por estas cuadrillas de voluntarios e voluntarias, a maioría deles nenos e nenas do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán, do CEIP Pintor Antonio Fernández, do CEIP de Tebra e do CEIP de Barrantes. Os centros educativos tomiñeses amosaron así un ano máis o seu compromiso co coidado do medio ambiente.

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, quere “agradecer a implicación de todas as persoas participantes na xornada, xa que o seu esforzo e dedicación é testemuño do seu compromiso coa súa contorna. Cada bolsa de lixo que retiramos é un paso máis cara a un Tomiño máis limpo, saudable e medioambientalmente sostible”.