Tomiño rexeita por unanimidade asumir o mantemento da tubaxe de subministro do Consorcio de Augas do Louro

Tomiño rexeita por unanimidade asumir o mantemento da tubaxe de subministro do Consorcio de Augas do Louro

O Concello aprobou en pleno solicitar ao Consorcio a reparación das fugas en Hospital e Figueiró desta infraestrutura alta, que están a crear problemas de seguridade viaria

O Concello de Tomiño decidiu por unanimidade en pleno rexeitar asumir o mantemento da tubaxe da rede xeral da auga, unha infraestrutura dependente do Consorcio de Augas do Louro que pasa polas PO-344 e PO-552 coa que traslada a auga dende a EDAR do Louro e se subministra a través de redes secundarias aos municipios de Tomiño, O Rosal e A Guarda. Desa tubaxe xeral, dependente do Consorcio, parten as redes secundarias, a partir das que os municipios non consorciados pagan o subministro de auga e a rede pasa a responsabilidade dos concellos.

O Concello de Tomiño solicita ao Consorcio a conservación e reparación desta tubaxe, considerada unha infraestrutura en alta, que dende hai anos presenta deficiencias e que está a provocar fugas no Barro e en Figueiró en dúas localizacións posteriores ao punto de enganche coa rede secundaria. Son unhas fugas que ademais de afectar á auga que o Consorcio subministra e vende a estes municipios está a provocar problemas de seguridade viaria na estrada.

Tomiño leva trasladando de maneira reiterada dende hai un ano a problemática tanto ao titular da vía (Xunta de Galicia) como ao propio consorcio. A fuga localizada na parroquia de Figueiró foi reparada polo servizo de mantemento da estrada, pero a situada no Barro segue sen solucionar.

Tras varias peticións por parte do concello na que se achegaban informes da policía local e mesmo unha reclamación en vía administrativa, o Consorcio respondeu que debería ser o municipio quen fixera fronte ás reparacións.

O Goberno municipal de Tomiño ratifícase en que o Concello non pode asumir en modo algún os custos de mantemento de 14 quilómetros dunha rede xeral de auga que serve fundamentalmente para dar servizo aos concellos do Rosal e da Guarda, dun servizo polo que o Consorcio cobra.

O Concello non descarta iniciar outras accións para defender os intereses dos veciños e veciñas ante o Consorcio de Augas do Louro, unha entidade que ten por cometido a Xestión do Ciclo da Auga, tanto da súa EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) como da ETAP (Estación Tratamento de Auga Potable) en Guillarei.