Tomiño saca a licitación a instalación de dous puntos de recarga de vehículos eléctricos

Tomiño saca a licitación a instalación de dous puntos de recarga de vehículos eléctricos Terán 8 prazas situadas no Seixo e en Goián. A empresa concesionaria terá que pagar un canon mínimo de case 570€

Ao abeiro da estratexia para camiñar cara a unha economía baixa en carbono, eliminando de maneira progresiva o emprego de combustibles fósiles e reducindo as emisións, Tomiño vén de sacar a licitación a concesión para a instalación, xestión e mantemento de dous puntos de recarga de vehículos eléctricos.

Estes dous puntos situaranse en espazos públicos de aparcadoiro gratuítos, con catro prazas situadas no núcleo urbano do Seixo e outras catro en Goián. A empresa concesionaria deberá facilitar a carga e o pago de servizos de forma dixital a través dunha aplicación móbil, ofrecendo as instrucións e pasos a seguir e dando a información que se poida precisar durante a recarga, como a enerxía consumida, a potencia instantánea, o tempo de recarga…

Os puntos de recarga saen a licitación por un canon anual mínimo de case 570 euros, aínda que entre os criterios de adxudicación valoraranse as ofertas económicas máis vantaxosas, así como o mellor proxecto de implantación proposto. A concesión realizarase por un prazo de 12 anos prorrogable por períodos anuais ata un máximo de 20 anos. As entidades e empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 19 de maio.

Trátase dunha proposta que busca facer de Tomiño un municipio máis ecolóxico, eficiente e sostible, sentando os alicerces “para crear unha infraestrutura pública para recarga de vehículos situadas en zonas de estacionamento público e gratuíto e incentivando á veciñanza, fomentando o uso de enerxías limpas e a renovación do parque móbil como referente de sustentabilidade ambiental”, como salienta a alcaldesa, Sandra González.

A instalación destes novos puntos de recarga en espazos públicos, que busca unha mellora da eficiencia enerxética e unha mobilidade urbana sostible, é unha iniciativa que  forma parte dos obxectivos do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía (PACES), unha iniciativa europea na que participa Tomiño na que gobernos locais e rexionais se comprometen a cumprir diferentes obxectivos que favorezan a transición cara a unha economía baixa en carbono.