Tomiño segue axundando a nivel internacional grazas ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Tomiño segue axundando a nivel internacional grazas ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade O Concello participou na última asemblea xeral, celebrada en Santiago de Compostela

Tomiño continúa brindando a súa axuda a nivel internacional grazas ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A concelleira de Educación, Cristina Martínez, e o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, participaron a pasada semana xunto a representantes doutros 40 concellos galegos na asemblea xeral do Fondo, na que se aprobou por unanimidade a composición da nova Comisión Executiva.

Celebrada en Santiago de Compostela, durante a asemblea fíxose balance do período 2019-2023, no que se conseguiu o relanzamento da cooperación técnica realizada por persoal municipal, o impulso á implementación da Axenda 2030 no eido local ou a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS.

O equipo técnico do Fondo Galego tamén repasou as accións que se están a promover este ano, comezando polos proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos países do Sur Global. Nestes intres, estanse a apoiar sete actuacións directas ou a través de ONGD galegas no Sáhara, Mozambique, Guinea-Bissau, Guatemala, Nicaragua e El Salvador. Tamén proximamente se celebrará na Illa do Príncipe o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía e organizarase ademais unha misión aos campamentos de persoas refuxiadas saharauís na que políticas e políticos das deputacións e concellos están chamados a participar.

Na Asemblea Xeral presentouse tamén en primicia a campaña ‘313 Olladas Solidarias’ que o Fondo Galego desenvolverá neste último trimestre por toda Galicia co fin de ampliar o número de administracións locais socias.

En canto ás accións desenvolvidas no presente exercicio en relación coa sensibilización e o fortalecemento institucional, destacan o II Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, organizado en Lugo coa participación de máis de 200 asistentes, ou as recentes visitas de delegacións chegadas Brasil, Italia, Príncipe e da República Árabe Democrática Saharauí para intercambiar experiencias.

Por último, na área de educación para a cidadanía global cobra especial protagonismo o proxecto europeo People & Planet, no que participa directamente Tomiño, e que busca involucrar á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático a través de actividades como consellos xuvenís, comunicación de guerrilla, performance, debuxo urbano, cociña sostible, concursos de vídeos e murais, exposicións virtuais ou os futuros obradoiros para a localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.