Tomiño segue mollándose polos ríos na limpeza simultánea impulsada por Adega A actividade celebrarase o vindeiro luns 25 de setembro para implicar ao alumnado dos centros escolares tomiñeses

Tomiño segue mollándose polos ríos na limpeza simultánea impulsada por AdegaTomiño implícase un ano máis coa limpeza simultánea de ríos impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, ao abeiro do Proxecto Ríos. Deste xeito, o Concello participará de novo na iniciativa ‘Móllate polos ríos’, unha xornada de retirada de lixo da beira do río, coa que se busca concienciar á sociedade sobre a necesidade de manter limpos de residuos os cursos fluviais, para garantir a súa saúde.

Este ano o Concello celebrará esta xornada de sensibilización e limpeza o vindeiro luns 25 de setembro, co obxectivo de abrir as portas á participación e implicación de todo o alumnado dos centros escolares tomiñeses. Nesta ocasión o lugar de encontro, para a veciñanza que se apunte como voluntaria, será a Praza do Seixo, diante da Casa do Concello, ás 10.00 horas.

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, convida a toda a veciñanza e a grupos ou asociacións a que se unan a esta iniciativa que en edicións anteriores mobilizou a miles de voluntarios e voluntarias por toda Galiza que retiraron decenas de toneladas de residuos dos ríos e da súa contorna.

A actividade está aberta a todos os públicos. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través da páxina web do Concello, mentres que as asociacións ou centros educativos que desexen implicarse poderán facer a súa inscrición a través do correo electrónico tecnica.medioambiente@tomino.gal ou chamando ao teléfono 986 62 20 01, extensión 6. En caso de que algún grupo estea interesado en participar nesta iniciativa noutra data, debe comunicalo ao Concello para facilitarlle o material necesario e organizar a xestión de todos os residuos recollidos.

Para participar nesta limpeza simultánea recoméndase levar roupa cómoda para camiñar, gorra e protección solar en caso de que o tempo o demande e calzado para a auga ou de recambio por se se molla durante a actividade.

Máis información