Tomiño sigue apostando por actividades de educación familiar que fomentan la inclusión A próxima actividade é unha sesión de primeiros auxilios a cargo do Servizo de Pediatría do Centro de Saúde de Tomiño, o día 22 de maio ás 16.00h, no CRA Mestre Manuel Garcés

O Concello de Tomiño segue levando adiante a súa aposta pola mellora dos servizos sociais municipais; neste caso, concretamente polas actividades de educación familiar que axuden a combatir a exclusión social.

Así, o 26 de abril pasado, deuse por rematado o obradoiro “Medrando e descubrindo”, dentro do programa Medrando en Familia do Servizo de Educación e Apoio Familiar do Concello de Tomiño.

En “Medrando e descubrindo”, as familias con fillos e fillas de entre 18 e 36 meses, acudiron os venres pola tarde a sesións dunha hora de duración, co obxectivo de adquirir estratexias, habilidades e recursos de cara a facilitar unha crianza en positivo.  O Obradoiro centrouse en rutinas e desenvolvemento infantil dentro do tramo de idade que lle corresponde ao grupo. “Todo enmarcado nun ambiente distendido e familiar con xogos e actividades atractivas para os cativos e cativas e para os seus proxenitores”, explica Cristina Martínez, concelleira de Benestar Social.

Este obradoiro desenvolveuse en 2 bloques de 8 sesións cada un. En cada bloque o programa levado a cabo estivo centrado na linguaxe e na comunicación; na psicomotricidade, na estimulación cognitiva e na autonomía persoal. Tamén contou con dous círculos de confianza, onde compartir inquedanzas e resolución de dúbidas do día a día. Entre as múltiples actividades aprenderon distintas estratexias de autonomía persoal coma pór a mesa e situar cada elemento, por asociación.

En total foron 16 sesións repartidas entre os meses de novembro do 2018 e abril do 2019. “No derradeiro encontro, as familias participantes manifestaron o desexo de continuar o vindeiro curso. Entenden que é un recurso moi positivo de apoio á crianza”, comenta Martínez.

A próxima actividade é unha sesión de primeiros auxilios a cargo do Servizo de Pediatría do Centro de Saúde de Tomiño, o día 22 de maio ás 16.00h, no CRA Mestre Manuel Garcés.

As persoas interesadas deberán anotarse a través da Web co Concello ou chamando ao 986622001.