Tomiño solicita do Plan Concellos preto de 950.000 euros, que repercutirán en melloras para distintas parroquias A obra máis salientable é a reforma da contorna da Igrexa de Figueiró que, dados os numerosos visitantes que atrae o santuario de San Campio, foi proposta polo goberno local para ser mellorada este ano

O concello de Tomiño solicitou, ao abeiro do Plan Concellos, preto de 950.000 euros que repercutirán en melloras en distintas parroquias do municipio.

A obra máis salientable é a reforma da contorna da Igrexa de Figueiró; unha das prazas máis fermosas do concello, que debido aos numerosos visitantes que recibe o santuario de San Campio de Lonxe, foi proposta polo goberno local para ser mellorada este ano.

O proxecto, ao que se destinarán 440.000 euros, será amosado aos veciños e veciñas, o vindeiro martes, 22 de maio, nunha reunión que terá lugar no Centro de Figueiró. Previamente foi presentado ao párroco, bispado, comunidade de montes e asociación veciñal. Nestes momentos, concretamente, está pendente da autorización do bispado, e conta co informe favorable de Patrimonio, autorización sectorial necesaria para levar adiante as obras.

Na actualidade, a praza de Figueiró utilízase coma aparcamento de vehículos e pouco máis, non sendo posible un uso para goce das persoas. Segundo o deputado provincial e edil tomiñés Uxío Benítez “a idea é convertela nun referente, coma se fixo ca Praza do Seixo, un lugar de encontro, para as persoas, e preferentemente peonil”.

A este proxecto destinarse un total de 440.000 euros.

Ademáis da mellora da Praza de Figueiró, vaise acondicionar tamén, a contorna da Igrexa de Amorín; obra valorada en 180.000 euros.

Asemade, acometeranse melloras en distintas estradas de competencia municipal, por un importe de 325.000 euros, e substituirase a herba natural do campo de fútbol do Alivio por herba sintética, co fin de poder usalo máis seguido e aforrar en mantemento.

Por último continuarase coa mellora da contorna da Alameda, e do entorno da escola de música de Goián.

Finalmente, é necesario lembrar que parte do Plan Concellos foi destinado xa ao fomento do emprego,  por un importe de 270.000 euros que permitiron contratar a 25 persoas nos sectores de xardinería, limpeza, carpintería, electricidade, administración e outros.