Tomiño sube o pano dun 8M no que reivindicar a igualdade real

Tomiño sube o pano dun 8M no que reivindicar a igualdade real O Concello prepara unha ampla programación co gallo do Día Internacional da Muller no que o teatro e a infancia serán os protagonistas

Tomiño prepárase para seguir reivindicando unha igualdade real e efectiva este 8M, Día Internacional da Muller. O Concello prepara unha ampla programación na que teatro e infancia compartirán protagonismo para visibilizar a importancia de garantir e defender dereitos e rachar desigualdades. “Dende o Goberno municipal deseñamos unha oferta cultural ampla aberta a todos os públicos, porque a igualdade nos involucra e depende de todas e todos”, explica a alcaldesa, Sandra González.

A programación comezará o propio mércores 8 de marzo coa lectura ás 12.00 horas na Praza do Seixo dunha declaración institucional na que, como cada ano, participarán diferentes colectivos tomiñeses. En caso de choiva a lectura trasladarase ao Mercado municipal. Ese mesmo día ademais o Mercado municipal de Tomiño acollera unha exposición protagonizada polas nenas do CRA Mestre Manuel Garcés, que baseándose na obra ‘Bocanada’ de Graciela Sacco amosarán as súas bocas abertas para presentar “un grito xordo que reclama ser escoitadas, un berro pola igualdade”.

As actividades continuarán o venres 10 de marzo no mesmo Mercado municipal coa charla de Montse Fajardo sobre ‘A represión contra as mulleres tras o golpe de Estado de 1936’, na que amosará con exemplo e mesmo fotografías os distintos tipos de represión sufridas polas mulleres galegas. Fajardo, coordinadora do programa ‘A memoria das mulleres’ do Concello de Pontevedra e autora de varios libros relacionados coa memoria histórica, defenderá a necesidade de ampliar o termo vítimas ás que quedaron: nais, orfas, viúvas… mulleres que, ademais de ficar sen o seu ser querido, perderon tamén o principal sustento do fogar, como saíron adiante, como resistiron e como se mantivo viva a memoria do que pasou non tempo do silencio e de como chega hoxe ata nós. Será ás 19.00 horas e de balde.

O sábado 18 de marzo a programación co gallo do 8M continuará coa obra ‘Laika’, de Xirriquiteula Teatre. Unha fábula escénica contemporánea que fala das marabillas do ceo e das inxustizas da Terra nun escenario que traslada ao público á Moscova de 1957, en plena Guerra Fría. Premio MAX 2021 ao mellor espectáculo e dirixida para público familiar, a obra representarase no auditorio de Goián ás 17.30 horas. O prezo será de 7 euros persoas adultas e 3,5 euros menores de 12 anos.

O programa de actividades do Día Internacional da Muller rematará en Tomiño o domingo 19 de marzo coa representación de ‘As que limpan’, unha obra de A Panadaría na que se mestura humor e realidade para falar da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Será ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián cun prezo de 5 euros para persoas adultas e 2,5€ para menores de 12 anos.

Por outra banda, a Concellaría de Benestar e Igualdade está traballando nun estudo de diagnose sobre igualdade e violencia de xénero que poña o foco na realidade da comunidade educativa e que contará con todos os niveis formativos. “Esta diagnose daranos unha fotografía real que permitirá ao Concello deseñar e levar a cabo intervencións nos centros educativos o máis enfocadas posible ás problemáticas reais, acadando resultados de gran calado na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero”, explica a concelleira, Cristina Martínez.

Neste estudo participarán todos os colectivos relacionados co ensino, dende familias e alumnado ata profesorado, equipos directivos dos centros, asociacións de nais e pais, a OMIX ou persoal técnico municipal especialista nesta materia.