Tomiño suma un segundo mestre composteiro no marco do Revitaliza O Concello está a desenvolver a 2ª fase do programa, con cerca de 2000 composteiros individuais repartidos e 15 centros de compostaxe comunitaria instalados

O Concello de Tomiño vén de contratar un segundo mestre composteiro no marco do Revitaliza, financiado pola Deputación de Pontevedra. Así, dende o pasado día 1 de agosto, José Manuel Prado, sumouse ao equipo como persoal funcionario interino co fin de reforzar o servizo e contribuír a mellorar a información e formación da cidadanía no tratamento dos residuos orgánicos e incrementar a participación dos que viven en pisos nos 15 Centros de Compostaxe Comunitaria (CCC) instalados no municipio.

Entre as súas funcións, ademais de completar a distribución dos composteiros individuais entre a veciñanza con vivendas (na actualidade hai repartidos máis de 1800 dos 3000 previstos), e realizar logo o seu seguimento e tarefas de asesoramento e resolución de dúbidas; estará tamén o estudo de inclusión de pequenos produtores singulares (centros de día, cafeterías, restaurantes, etc.) na autocompostaxe.

Tomiño leva adherido ao Revitaliza dende o ano 2016 e ten activos na actualidade 13 CCC nos centros urbanos de Tomiño e Goián, e 1 máis no CEP Pedro Caselles. A estes sumaranse en breve outros 2, pendentes de apertura, para dar servizo a toda a cidadanía que vive en edificios. Concretamente, este xoves ás 13.00h abrirase o CCC instalado ao final da Rúa Gondomar, polo que esta semana se están a realizar as visitas aos veciño/as da zona coa finalidade de entregarlles un caldeiro que facilitará a separación na casa dos residuos orgánicos, e explicarlles o funcionamento do centro de compostaxe para o seu uso correcto.

En Goián, esperase realizar a apertura do CCC situado no Leira-Park, situado a carón do colexio o xoves seguinte 26/08/2021 ás 13:00, polo que as visitas se realizarán a semana que vén.

Ademais, lévanse repartidos entre a veciñanza con casas 1858 composteiros individuais (COIN), de 300l de capacidade, dos 3000 adquiridos na 2ª fase do plan. Tamén foron adquiridos 150 COIN de maior capacidade (800l) para os pequenos produtores singulares.

“A pesar da ralentización do reparto que nos supuxo a situación de pandemia, xa son moitos os veciños que dispoñen de composteiro, polo que o grado de penetración da compostaxe individual no territorio e efectivamente alto. Máis teremos que agardar un pouco para cuantificar o efecto, que agardamos redunde nunha mellora das taxas de compostaxe, en particular, e de reciclaxe en xeral”, explica a concelleira responsable da área de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

Asemade, dende o departamento de medio ambiente estase planificando posibles reunións para o reparto dos COIN pendentes.

Por outra banda, ademais da disposición de biotrituradoras para a xestión de podas, comezaron a funcionar varios “puntos Verdes”, onde a veciñanza pode deixar restos de poda e recoller estruturante. Están xestionados por persoal municipal coa axuda dun camión con guindastre adquirido para ese fin.

Lembra a concelleira que toda a información sobre compostaxe, así como contacto para resolver dúbidas, está a disposición na páxina web https://revitaliza.tomino.gal/