Tomiño súmase á Hora do Planeta Este sábado 23, o Concello apagará durante 60 minutos Casa Consistorial, Praza do Seixo e Mercado para concienciar sobre a importancia do aforro enerxético

O Goberno municipal leva anos comprometido coa posta en marcha de numerosas medidas para facer fronte ao cambio climático

Tomiño súmase á Hora do PlanetaO Concello de Tomiño súmase á Hora do Planeta, un apagón eléctrico voluntario e simbólico organizado por WWF que busca concienciar á sociedade sobre os efectos do cambio climático, sobre as emisións contaminantes e sobre a necesidade de aforrar enerxía e de reducir a contaminación lumínica. Este sábado 23 ás 20.30 horas o Concello amosará o seu apoio a esta iniciativa apagando as luces da Casa Consistorial, da Praza do Seixo e do Mercado Municipal de Tomiño durante unha hora.

Con esta iniciativa, Tomiño forma parte dunha campaña que dende o seu inicio en 2007 converteuse nun dos movementos ambientais máis grandes do mundo, no que participan cada ano máis de 200 países. Como sinala a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, “tal vez 60 minutos parecen insignificantes, pero se millóns de persoas en todo o mundo se unen, esa hora convértese en miles de horas de acción polo planeta”. “Os concellos somos actores clave para impulsar a loita contra a crise climática e temos nas nosas mans facer da nosa contorna lugares máis habitables, recuperando espazos e fomentando a biodiversidade”, destaca a edil.

Consciente da importancia de involucrarse, o Goberno municipal leva moitos anos comprometido coa posta en marcha de diferentes accións coas que facer fronte ao cambio climático, como todas as medidas recollidas no Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), coas que xa se acadaron unha redución significativa nas emisións de CO2, minimizando o consumo de enerxía no concello e incrementando o nivel de implantación de renovables, entre outros aspectos.

Neste camiño, o Concello conseguiu un millón de euros de fondos NextGenerationEU para a renovación do alumeado público, unha renovación das 2.000 luminarias do municipio na que xa se está a traballar e coa que se instalará tecnoloxía eficiente que permitirá implantar un control domótico para alcanzar un aforro enerxético do 61% e unha redución nas emisións de CO2 de case 193 toneladas.

Por outro lado, o Goberno municipal tamén levou a cabo a mellora de envolventes e da iluminación en edificios públicos ou a implantación de instalacións de enerxía renovable, como caldeiras de biomasa, que conseguiron unha redución de arredor do 40% nas emisións dos edificios municipais. Unha aposta pola sostibilidade que se implementa en cada novo proxecto posto en marcha, como o ‘Integra Tomiño’, que contempla un investimento de 1,3 millóns de euros na rehabilitación enerxética da Casa de Cultura e melloras no espazo público de toda a contorna, recuperando espazos para as persoas e buscando unha conexión peonil entre os equipamentos do Seixo.

“Dende o Goberno municipal traballamos día a día para converter Tomiño nun municipio cada día máis verde e sostible. E para acadalo mantemos o noso máis firme compromiso con todos os obxectivos marcados no PACES, como conseguir unha redución do 40% das emisións de CO2 a atmosfera ata 2030 fomentando a eficiencia enerxética e o emprego de uso de fontes de enerxía renovables”, explica a edil.