Tomiño supera as 14.000 incidencias xestionadas a través da Liña Verde

Tomiño supera as 14.000 incidencias xestionadas a través da Liña Verde A aplicación móbil permite á veciñanza das traslado de incidencias e ao Concello sistematizar os equipos de traballo para resolvelas

O persoal municipal resolveu xa o 94% destas incidencias, case a metade delas relacionadas co alumeado público

A aplicación móbil Liña Verde de Tomiño estrea o 2024 rachando todos os seus récords e éxitos. O Concello puxo en marcha esta iniciativa para ofrecer á veciñanza un método sinxelo e directo para transmitir posibles incidencias, unha canle dixital accesible dende calquera dispositivo móbil moi ben valorada por tomiñeses e tomiñesas e que xa acumula máis de 2.400 descargas e máis de 2.400 posibles usuarias e usuarios.

O resultado da grande acollida da aplicación son máis de 14.000 incidencias trasladadas a través da plataforma dende a súa posta en marcha hai catro anos, das que máis de 13.000, case o 94% de todas as recibidas, xa están resoltas. Un alto índice de éxito que reflicte o bo funcionamento da plataforma e que reside, como sinala a alcaldesa, Sandra González, “no traslado case directo de moitas das incidencias ao persoal municipal, unhas problemáticas que o operario ou operaria ten xeolocalizadas e que simplifica moito todo o proceso”.

Só durante o último mes deuse solución a 428 incidencias presentadas a través da Liña Verde, un sistema que “nos permite dixitalizar, organizar e sistematizar unha gran cantidade de información e as tarefas dos equipos de traballo municipais, incrementando a eficiencia na resolución de calquera problema nas diferentes áreas”, como explica o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez. O alumeado público segue a ser unha das principais demandas veciñais solucionadas a través da Liña Verde, con case o 43% das incidencias comunicadas e seguido xa de lonxe por cuestións relacionadas co lixo (8,87%), con fochancas (5,43%) ou coa vía pública (4%).

O Concello de Tomiño puxo en marcha esta plataforma de xestión de servizos no ano 2020 e dende entón demostrou que permite unha resposta municipal eficiente ás incidencias sinaladas pola veciñanza, que cada vez ano usa máis a aplicación. Deste xeito pasáronse das 2.290 incidencias recibidas ao longo do ano 2020 ás case 4.500 recollidas o pasado 2023.

A alcaldesa anima a toda a veciñanza a empregar este servizo que forma parte do proceso de dixitalización no que leva traballando o Concello dende hai moitos anos, que fomenta a participación cidadá e que permite manter activa unha liña directa de comunicación co persoal municipal, que recibe as incidencias nas súas táblets e que son supervisadas polos concelleiros e concelleiras responsables de cada área.

A aplicación é totalmente gratuíta e para empregala soamente hai que descargala baixo o nome ‘Linea Verde’ dende Google Play ou APP Store. Seleccionando o municipio de Tomiño xa se pode comunicar calquera problema detectado premendo o botón de ‘Nova incidencia’, escollendo a tipoloxía e achegando unha fotografía e unha sinxela explicación do acontecido. Cada usuario ou usuaria recibirá unha notificación no seu teléfono móbil comentando o progreso da incidencia presentada.