Tomiño terá un edificio municipal de categoría enerxética “A”, pioneiro no seu tipo na comarca Cun orzamento total superior aos 237.000 euros, o Concello emprende as obras para a mellora e sostibilidade do edificio do antigo centro de saúde, agora adicado ás concellería de Benestar, Cultura e Deporte

O Concello de Tomiño vén de emprender as obras para a rehabilitación enerxética do antigo centro de saúde, cun orzamento total de 237.000 euros, que afrontará cunha achega do IDAE (Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético) de 174.163,00€ e fondos propios.

Trátase dun proxecto de mellora da calidade e sostibilidade do edificio hoxe adicado á atención ao público das áreas de Benestar Social, Cultura, Turismo, Mocidade, Deporte, Protección Civil e Policía Local.

A actuación comprende concretamente a instalación dun sistema de illamento térmico en paredes exteriores; cambio de tellado e carpintería exterior, así coma a instalación dun sistema novo de iluminación led, recuperador de calor. A colocación de arborado que protexa da chuvia a fachada oeste é outra das particularidades do proxecto.

As obras, que estarán rematadas en 12 meses, darán coma resultado un edificio municipal de categoría enerxética A, pioneiro no seu tipo na comarca, pensado para lograr un grande aforro en altos consumos. “Deste xeito, péchase o ciclo de subministro e autosuficiencia cun carácter local, engadindo un valor maior a un edificio público e servindo coma exemplo de sostibilidade e sensibilización co medio ambiente”, explica a alcaldesa, Sandra González.

A continuación, levarase a cabo a mellora enerxética do propio Concello, coa instalación dunha caldeira de biomasa policombustible, que funcionará tanto con pelets, coma con astillas de pino ou carballo dos propios montes tomiñeses.

De forma paralela, emprenderase a rehabilitación enerxética do edificio coñecido coma Escola Obradoiro de Goián, continuándose coas obras de mellora na envolvente, tellado e ventás do mesmo.

Por último, afróntase a reconfiguración de espazos públicos e usos no núcleo urbano da parroquia de Goián. Esta obra consta de varias fases e o investimento total supera o 1,4 millóns de euros, dos cales o IDAE achegará 634.810,28€, achegando tamén distintas partidas a Deputación Provincial e o propio Concello.

Todos estes proxectos son posibles grazas á concesión en concorrencia competitiva de subvencións a proxectos singulares de entidades locais, no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. O Concello de Tomiño solicitou catro subvencións ao IDAE, logrando obter a totalidade delas, que suman máis de 1 millón de euros.