Tomiño tínguese de historia coa feira medieval do IES Antón Alonso Ríos

Tomiño tínguese de historia coa feira medieval do IES Antón Alonso Ríos Alumnado, profesorado e familias organizaron a primeira edición de ‘Feirantes’, un encontro aberto ao público na Praza do Seixo que supuxo a celebración do traballo colectivo

Tomiño tinguiuse de historia, música, espectáculo, gastronomía… e moita ilusión coa primeira edición da feira medieval da comunidade educativa do IES Antón Alonso Ríos, un encontro celebrado este martes e aberto a toda a veciñanza que supuxo o colofón final a un proxecto multidisciplinar que aglutinou o esforzo de todo o alumnado, profesorado e familias do centro.

Baixo o nome de ‘Feirantes’, a Praza do Seixo acolleu unha feira en todo o seu espledor, con espectáculos de música, baile, obradoiros, representacións teatrais, postos de comida, cantares de cego, postos de mercado… Un encontro que contou coa presenza de membros de toda a comunidade educativa, dende profesorado e alumnado a nais e pais, persoal de limpeza, alumnado dos centros educativos de primaria e do Concello.

 

O IES Antón Alonso Ríos puxo en marcha esta feira co obxectivo de “celebrar o traballo conxunto, o logro colectivo, sumar o esforzo e a ilusión de todas e todos e poñer en marcha algo novo no noso centro e no noso concello. Estamos moi satisfeiras e satisfeitos do resultado e agardamos que sexa a primeira de moitas outras celebracións”.

A alcaldesa, Sandra González, quixo felicitar a alumnado, docentes e familias por “esta impresionante feira medieval, que ten detrás un arduo traballo e dedicación. É incrible o seu entusiasmo para conseguir recrear un ambiente máxico, cheo de cor, música e actividades para toda a veciñanza”.

Dende o IES Antón Alonso Ríos agradeceron ademais a colaboración da ANPA Solleiro e do Concello de Tomiño na feira medieval facilitando o material, o espazo e os medios técnicos precisos para celebrar esta gran festa.