Tomiño traballa para revalidar o seu recoñecemento no certame ‘Vilas en Flor’

Tomiño traballa para revalidar o seu recoñecemento no certame ‘Vilas en Flor’ O xurado visitou este mércores o municipio para coñecer os novos avances en materia medioambiental e de recuperación de espazos

O Concello de Tomiño participa un ano máis no programa Vilas en Flor de Galicia, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes. Despois de obter na pasada edición o máximo galardón, Tomiño continúa a traballar para revalidar as súas catro flores de honra.

Organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), dous membros do xurado visitaron este mércores a vila para coñecer os últimos avances en materia medioambiental e paisaxística e achegarse de primeira man a algúns dos proxectos levados a cabo nos últimos meses.

A visita comezou cunha reunión no salón de plenos do Concello, no que, tras o saúdo da alcaldesa, Sandra González, se lles amosou as intervencións e proxectos desenvolvidos ao longo do último ano. Acompañados pola concelleira de Medio Ambiente e Axenda 2030, Ana Belén Casaleiro; polo de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez, e polo técnico municipal da Eurocidade Cerveira-Tomiño Xabier Macías, o xurado visitou tamén o Campo da Feira, un grande espazo renovado, sostible e deseñado para promover a convivencia, a estancia e o lecer nunha contorna segura e agradable.

O Concello tamén lles presentou como actuación destacada o realizado en Vilameán, onde se transformou o  torreiro para convertelo nunha praza amable, sostible e accesible que pon en valor a arquitectura e patrimonio da contorna mentres se continúan recuperando espazos públicos para as persoas. Os novos sendeiros peonís que unen o centro urbano de Tomiño co IES Antón Alonso Ríos e o CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán foron otros dos proxectos explicados.

Este é o quinto ano que o Concello de Tomiño participa no certame Vilas en Flor, un programa que pretende por en valor a mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible e a concienciación cidadá no coidado do medio ambiente.

A pasada edición, na que Tomiño conseguía por primeira vez o máximo galardón, o xurado destacou especialmente as intervencións artísticas realizadas nas rotondas a través do proxecto Cultivando Paisaxes, unha iniciativa posta en marcha grazas á colaboración da paisaxista Sinda Linda e dos viveiros da comarca coa Fundación Xabier Pousa que permitiu converter as cinco rotondas da Avenida do Baixo Miño nun escaparate da actividade do viveirismo, principal motor económico da vila. Durante a resolución, o xurado quixo tamén resaltar “a mellora constante do Concello e o esforzo feito para sacar adiante todas estas iniciativas innovadoras”.