“Tomiño único” finaliza a súa programación este sábado coa xeira “Camiño do norte a Santiago Ao longo da xornada, as persoas asistentes desfrutarán e coñecerán de primeira man o patrimonio natural e etnográfico da zona.

Este sábado 16 de setembro, Tomiño Único remata a edición deste ano cun roteiro guiado que amosará o inicio do Camiño norte de Santiago en territorio galego.

O itinerario seguirá un treito circular ao longo de 5 quilómetros e percorrerá diferentes puntos do municipio polos que discorre o Camiño norte de Santiago. As persoas participantes poderán admirar e coñecer aspectos culturais, sociais ou de tipo arquitectónico da man do especialista Antonio Soliño Troncoso e, por suposto, gozando da paisaxe e o medio natural da beira do río Miño.

A actividade está promovida polo Concello de Tomiño en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, e comezará ás 18:00 horas da tarde dende a Igrexa de Goián. Trátase dunha ruta de dificultade baixa e apta para tódolos públicos, indo os/as menores de 15 anos acompañados/as por unha persoa adulta.

Coa celebración desta derradeira xeira, Tomiño Único pecha unha programación que xa acolleu outras actividades ao longo de verán e coa que se pon en valor o patrimonio natural e cultural do Concello de Tomiño.

Para máis información pódese consultar a páxina web do Concello de Tomiño, www.tomino.gal, o enderezo electrónico cultura@tomino.gal, ou o teléfono 986 622 001.