Tomiño volve encher o seu monte de vida autóctona

Tomiño volve encher o seu monte de vida autóctona O Concello pon en marcha a segunda edición dunha campaña para repoboar as 850 hectáreas de franxas secundarias nas que se require unha correcta xestión da biomasa para a prevención de incendios

O Concello de Tomiño pon en marcha por segundo ano consecutivo a campaña ‘Enche o teu monte de vida autóctona’, unha iniciativa a través da que se entregará planta forestal frondosa e autóctona á veciñanza para contribuír a repoboar as máis de 850 hectáreas de franxas secundarias nas que as persoas propietarias deben realizar unha xestión correcta da biomasa e onde, segundo a Lei de prevención de incendios forestais, está prohibida a existencia de árbores como pino, eucalipto ou acacia.

“Con esta campaña buscamos seguir achegando o noso gran de area, non só concienciando á veciñanza da importancia e dos beneficios de plantar especies frondosas autóctonas, senón tamén ofrecendo alternativas e recursos para repoboar zonas nas que as persoas propietarias tiveron que cortar os exemplares cos que contaban”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

Nesta segunda edición da campaña o Concello repartirá 1.800 exemplares de cerdeiras, nogueiras, érbedos, castiñeiros, carballos, sobreiras, aciñeiras e bidueiros. Súmanse así ás 1.600 árbores entregadas durante o pasado ano 2022 que se plantaron en 149 parcelas que sumaron un total de 61 hectáreas.

As persoas titulares das 13.200 parcelas de franxa secundaria do Concello e que teñan a biomasa correctamente xestionada poden solicitar xa as plantas para a súa parcela directamente no departamento de Medio Ambiente, con preferencia a aqueles veciños e veciñas que non levaran árbore o ano pasado e que pertenzan ás dúas parroquias consideradas prioritarias polo risco de incendio (Forcadela e Tomiño). Aqueles propietarios e propietarias que xa recibiron frondosas autóctonas na pasada edición da campaña poderán volver solicitadas e quedarán en lista de agarda.

O persoal técnico do departamento entregará os vales para ir recoller as árbores a un lugar acondicionado, logo de comprobar a través de fotografías que a parcela da persoa propietaria está limpa conforme recolle a lei. O número de frondosas entregadas a cada titular dependerá do tamaño da parcela, xa que se entregará unha planta por cada 25 metros cadrados, ata esgotar existencias.

O grande éxito de acollida do ano pasado levou ao Concello a repetir esta experiencia e anima a todas as persoas propietarias a participar nesta campaña que permitirá repoboar os montes tomiñeses con planta autóctona. Dende o departamento de Medio Ambiente lembran que as novas especies frondosas deben plantarse a máis de 15 metros das vivendas, a 2 metros dos lindeiros e camiños públicos e a 4 metros de estradas de máis de 5 metros de ancho.