Tomiño xa ten en marcha unha axenda de verán con máis de 700 horas de actividades culturais, deportivas e de lecer

Tomiño xa ten en marcha unha axenda de verán con máis de 700 horas de actividades culturais, deportivas e de lecer

Son máis de medio cento de actividades de xullo a setembro entre as que destacan programas de grande éxito como O Son das Prazas, Música e Románico ou as Rutas de Artes e Oficios

As axendas xa se poden atopar no Concello, no Mercado ou nos establecementos comerciais de Tomiño

Tomiño desfruta xa da súa ampla programación de verán, unha axenda con máis dun cento de propostas e máis de 700 horas de actividades culturais, deportivas e de lecer de xullo a setembro para o goce da veciñanza e visitantes.

Unha morea de propostas entre as que se atopan a decena de actuacións musicais do programa O Son das Prazas, un ciclo musical co que o Concello saca a música ao aire libro e pon en valor as prazas como lugar de encontro e lecer para a veciñanza, devolvendo dun xeito integral os espazos públicos para as persoas.

Centrado tamén no campo musical está a segunda edición do ciclo Música e Románico, un programa de grande éxito entre a veciñanza co que poñer en valor o importante patrimonio histórico e artístico que representan as igrexas da época románica das parroquias tomiñesas e que traerá ao municipio a importantes grupos de fóra, como os premiados Litore Quartet.

Súmase ademais as tres Rutas de Artes e Oficios coas que promocionar a riqueza artística, cultural e patrimonial de Tomiño e que este ano xa visitou Viveiros da Barxa e que se achegará tamén no mes de agosto a Cítricos Rías Baixas e ao obradoiro de torneado en madeira Vikensen. Postas en marcha en 2017, lévanse realizadas xa máis de 30 rutas nas que participaron máis dun milleiro de persoas.

O festival de cine, campus de verán, contacontos e unha ducia de actividades para toda a familia complementan esta completa axenda que conta este verán con dous eventos dedicados de forma especial á mocidade: a segunda edición de Operación Triunfiño, que foi un éxito de participación, e a palestra e o concerto de Fillas de Cassandra, un grupo que aposta pola recuperación de melodías tradicionais con influencias actuais nun espectáculo que bebe do teatro e que estará na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián o vindeiro 12 de agosto.

Tampouco faltará o tradicional concerto de verán da Agrupación Musical de Goián o 18 de agosto, que estará acompañada como sempre de artistas e grupos musicais invitados e moitas sorpresas.

As axendas xa están dispoñibles para a veciñanza no Concello, no Mercado de Tomiño e na maioría dos establecementos comerciais do municipio.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou o carácter amplo da axenda de verán, deseñada pensando en ofrecer actividades para todas as idades, gustos e intereses, de xeito que tomiñeses e tomiñesas “poidan gozar de alternativas de ocio de calidade e de balde durante a época estival”.