Toñi Vicente, homenaxeada no acto cívico do Alivio. Foto: Gustavo Rivas

Toñi Vicente, homenaxeada no acto cívico do Alivio O Concello destaca o labor desta pioneira que lle puxo á alta cociña rostro de muller

O Concello de Tomiño homenaxeará este ano nas súas Festas do Alivio á chef tomiñesa Toñi Vicente, unha profesional de recoñecemento internacional “pioneira en poñerlle á alta cociña rostro de muller e que, a pesares de ter alcanzado o máis alto prestixio, sempre tivo moi presente á súa terra alí onde foi”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Unha homenaxe que colleu por sorpresa á cociñeira, que se sinte “moi honrada e agradecida, é moi emocionante que recoñezan na túa terra o labor de tantos anos”. A pesar dos numerosos premios ás súas costas, “ser a persoa homenaxeada nas Festas do Alivio é moi especial, porque significa regresar á túa terra e sentir o seu agarimo, o cariño da túa xente. Estou tan nerviosa coma se fora a primeira vez”. “Quero agradecer á alcaldesa e a toda a corporación municipal esta honra, para min é un orgullo. Sinto que me acolleron con todo o cariño e só podo dicir grazas, grazas e grazas”, recalca.

Toñi Vicente conta cunha extensa traxectoria profesional. Iniciouse na cociña con tan só 7 anos da man da súa nai e xunto aos seus cinco irmáns e ao seu pai, gran mestre de cerimonias no restaurante Casa Delmiro.

En 1982 inaugurou en Vigo o ‘Síbaris’ xunto co seu marido Camilo Pardo e non tardou en recoller numerosas distincións, aínda que non foi ata 1989 cando conseguiu a primeira estrela Michelín outorgada a un restaurante galego. Unha distinción que máis tarde revalidaría en Santiago de Compostela e que supuxo un antes e un despois na súa fulgurante carreira. Foi neses intres cando comezou unha etapa na que os seus pratos estaban presentes en ceas e comidas para os presidentes de España, Portugal e Galicia, para o Premio Nobel Camilo José Cela, en cruceiros de luxo…

Entre os seus importantes galardóns figuran o primeiro Challenge Européen de la Gastronomie, a medalla de prata de Galicia en recoñecemento ao seu labor, o Premio Nacional de Gastronomía como mellor xefa de cociña no ano 1997, viguesa distinguida ou, entre outros moitos, Premio Galicia en Feminino no apartado de creatividade en 2005.

Actualmente está retirada dos fogóns e reside de novo en Tomiño, o que lle permitiu reunir o tempo necesario para preparar a publicación do seu primeiro libro de receitas, ‘A miña cociña’. A de Toñi Vicente é a historia dunha saga familiar contada ao carón dos fogóns, sempre ligada ao mundo da cociña e da restauración.

Foto: Gustavo Rivas.

DÍPTICO HOMENAXEADA