Toñi Vicente prodiga creatividade na súa demostración culinaria de hoxe no Mercado de Tomiño Máis de 100 persoas asistiron áo showcooking organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño

Gazpacho, pastel de salmón e torrija con xeado de vainilla, foi o menú proposto pola recoñecida chef tomiñesa Toñi Vicente, na demostración culinaria ofrecida este mediodía no Mercado Municipal de Tomiño.

A proposta de Vicente gozou do aplauso do público, máis de cen persoas, que puideron observar á restauradora, pioneira da nova cociña galega, prodigar creatividade e bo facer na preparación de cada un dos pratos, dos cales repartíronse máis de 180 degustacións.

Aínda que os dous primeiros foron moi aplaudidos, o terceiro (sobremesa) foi o preferido do público, pola súa presentación e sabor.

A especial demostración culinaria, organizada pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, comezou ás 12.00 do mediodía, estendéndose durante dúas horas. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, deu a benvida á restauradora, agradecendo que aceptara o convite da Eurocidade e dándolle os seus parabéns pola súa traxectoria profesional. “Estamos encantados de ter con nos a Toñi Vicente, unha muller pioneira, innovadora e revolucionaria da cociña galega e española”, comentou a rexedora local.

Distinguida cunha Estrela Michelin no restaurante Síbaris de Vigo (anos ’80) e posteriormente con outra no restaurante Toñi Vicente, de Santiago de Compostela, a gran chef galega obtivo tamén o Premio Challenge Européen de la Gastronomie.

Para dar continuidade á positiva experiencia da Xornada sobre o Turismo no Contexto Transfronteirizo, celebrada o pasado mes de xaneiro, a Eurocidade Cerveira-Tomiño promoveu hoxe esta demostración coma unha nova iniciativa na que dar a coñecer de primeira man os seus recursos e activos turísticos.

Á demostración culinaria asistiron, ademais de público en xeral, operadores turísticos e axentes culturais galegos e portugueses convidados pola Eurocidade.