Tres novas medallas para os TEIXUGOS na Copa de España de Slálom Extremo O Club Deportivo Miño acudiu ao evento con seis piragüistas e remataron a copa cuns grandes resultados

Esta fin de semana celebrouse por primeira vez unha Copa de España de Slálom Extremo. Esta nova e espectacular modalidade de slálom será disciplina olímpica por primeira vez en Paris 2024.  Os circuítos de extremo son máis curtos e rápidos que os de slálom normal, os percorridos só se fan en caiac e a saída é dende unha rampla elevada  que engade espectacularidade, as portas son menos e cunha zona na que os deportistas deben facer un esquimotaxe. As probas comezan cunha contra reloxo, na que os 16 máis rápidos pasan a cuartos de final. Despois seguen baixadas de catro en catro deportistas nas que dous pasan a seguinte ronda, semifinais, e, finalmente, os catro mellores disputan a final.

O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento con seis piragüistas e remataron a Copa cuns grandes resultados.

Manuel Ochoa, en categoría home sénior, fixo unha competición espectacular, tanto sábado como domingo, rematou a contra reloxo co segundo mellor tempo, dominando as carreiras de cuartos e semifinais, nos dous días acadou a final. O sábado rematou terceiro e o domingo segundo. Na mesma categoría, Luís Fernández, tamén superou a contra reloxo nos dous días. O sábado chegou as semifinais e o domingo quedou en cuartos.

Sergio Rodríguez, en categoría home júnior, tamén salvou a contra reloxo  nas dúas xornadas. O sábado gañou cuartos e semifinais, e nunha gran final foi quen de entran na meta en segundo lugar, conseguindo a segunda medalla da xornada para os Teixugos. O domingo deu chegado a semifinais, pero unha penalización deixouno fóra de finais. Na mesma categoría, Adrián LLuch non conseguiu superar a contra reloxo en ningunha das dúas competicións.

Alba Soutelo, en categoría muller júnior, pasou as contra reloxos os dous días, o sábado conseguiu chegar a semifinais, mentres que o domingo quedou en cuartos. Na mesma categoría, Ainhoa Barreiro, o sábado superou a contra reloxo pero non os cuartos de final, o domingo quedou na proba contra reloxo, quedando décimo sétima a un posto de cuartos.

Non puido ser mellor a estrea para o Deportivo Miño-Teixugos nesta nova modalidade, superando nove de doce contra reloxos e coas medallas de prata e bronce de Manu e a prata de Sergio, os tres únicos podios acadados por galegos. Na clasificación por equipos o Deportivo Miño foi quinto.

Texto: Rosa Fernández Carrera.