Trescentos escolares de educación infantil, primaria e secundaria, asisten ás actividades extraescolares financiadas polo Concello A oferta inclúe inglés, multideporte, baile infantil, zhumba, linguaxe de signos e un obradoiro audiovisual

Un ano máis, o Concello de Tomiño financiou un programa de actividades extraescolares ao longo de todo o curso, en distintos centros educativos do municipio.

A oferta formativa, é gratuíta para os estudantes, puideron escoller este curso entre inglés, multideporte, baile infantil, zhumba, linguaxe de signos e un obradoiro audiovisual.

As actividades ofertadas este curso escolléronse por nivel: para Infantil: baile infantil e “Imaxinacción”; para Primaria: multideporte, lingua de signos, inglés e “ImaxinAcción/Entre Pantallas”. Por último, para o IES: zhumba e inglés.

Nalgunhas actividades foi necesario facer varios grupos debido á cantidade de nenas e nenos que estaban apuntados, sumando un total superior aos 300 escolares.

O programa é unha iniciativa da Concellalía de Educación. Para a selección das actividades, tivéronse en conta diferentes criterios: as características de cada centro educativo, a acollida entre o alumnado (mínimo de 10 persoas), e a vontade de incentivar a empregabilidade e o emprendemento, polo que se contactou con profesionais da zona directamente, non con empresas).

ImaxinAcción é unha das actividades extraescolares máis novidosas que busca fomentar a creatividade dos nenos e nenas do CEIP Tebra, CEIP Antonio Fernández, e CRA Mestre Manuel Garcés.

Outra das actividades máis novidosas é a de Lingua de Signos, que pretende impartir técnicas instrumentais de comunicación entre as persoas xordas e as oíntes.

O programa de actividades esténdese entre os meses de outubro de 2017 e xuño de 2018, e representa un investimento que rolda os 15.000 euros.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra Álvarez, tamén concelleira de Educación, explica que este programa tenta ofrecer accións formativas en igualdade, co propósito de que todo o alumnado poida asistir ás clases que elixa, sen que o custe das mesmas, sexa un impedimento para aprender e integrarse.