Últimos días para que Tomiño e Cerveira escollan os proxectos do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2019 Unha vintena de entidades sen fins de lucro son as promotoras das seis propostas presentadas nesta nova edición do OPT. A votación estará aberta ata o domingo 16

Últimos días para que a cidadanía de Tomiño e Cerveira vote as dúas actividades que se desenvolverán ao longo de 2019 de forma conxunta en ambos os dous concellos ao acubillo da terceira edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT). Ata o vindeiro 16 de decembro as persoas residentes nestes dous municipios poderán escoller a través de votación telemática os seus dous proxectos preferidos entre os seis presentados e promovidos por 18 asociacións e entidades sen fins de lucro das dúas beiras do Miño.

 

Como nas dúas edicións anteriores, poderán exercer o seu dereito a voto neste proceso participativo todos aqueles veciños e veciñas de Vila Nova de Cerveira e Tomiño que aparezan rexistrados no censo electoral. Soamente é necesario entrar na páxina participacerveiratomino.eu/votacion-2019 ler os detalles das seis propostas, elixir as dúas que se prefiran, encher un formulario cos datos do participante (nome, apelidos, DNI, localidade, data de nacemento…) e premer enviar.

 

Dotado con 20.000 euros, o OPT é unha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e unha das prioridades da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas marxes do río Miño, implicando á veciñanza de Cerveira e Tomiño na procura de solucións conxuntas para necesidades comúns. É un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP a través de fondos FEDER da Unión Europea.

 

Seis proxectos a escoller

 

Nesta ocasión a cidadanía de Cerveira e Tomiño ten que escoller dous proxectos de entre os seis de cooperación propostos e relacionados con temas como a sustentabilidade, as actividades artísticas, a práctica deportiva ou o lecer e a conciliación familiar.

 

O Agrupamento de Escolas de Vila Nova de Cerveira, o IES Antón Alonso Ríos, o CEIP Pintor Antonio Fernández e o CEIP Barrantes promoven a iniciativa ‘Sustentabilidade’, que ten como prioridade fomentar a mudanza de hábitos na conservación do medio ambiente. A través de exposicións, un programa de radio, un vídeo, visitas, asembleas ou limpezas da marxe do río, entre outras actividades, busca unha maior concienciación do papel que cada persoa na construción dun mundo máis saudable.

 

Pola súa banda, a iniciativa ‘Pontes de Arte’ busca identificar aos artistas vinculados ao territorio común, inventariar e dixitalizar as obras públicas existentes en Cerveira e Tomiño e difundir entre a poboación local, especialmente entre o público infantil, todas as manifestacións artísticas desenvolvidas nos dous municipios. Os seus promotores son a Fundação Bienal Arte de Cerveira, a Associação Cultural Convento S. Paio, a Fundación Xoán Piñeiro, a Fundación Xavier Pousa e a Asociación Cultural Pintor Antonio Fernández.

 

A Associaçao de Pais do Centro Escolar da Vila, a Associaçao de Pais do Centro Escolar Norte e a Mesa de ANPAS dos Centros Educativos de Tomiño fan dúas propostas para este OPT 2019. Por un lado ‘Actividades lúdico-educativas para vacacións activas e creativas’, que ten coma fin a organización de actividades de verán ao aire libre compartidas entre nenos e nenas de ambos concellos para ofrecer alternativas de conciliación laboral para as familias. Por outro, ‘Actividades artísticas e medioambientais para a poboación infantil de Vila Nova de Cerveira e Tomiño’, unha iniciativa coa que se busca fomentar a educación en valores e a sensibilización na ecoloxía mediante a vivencia e o contacto co medio rural, visitas guiadas a unha granxa escola, actividades creativas con materiais de refugallo…

 

O proxecto ‘AMIZ’ARTE Sen Fronteiras’ busca favorecer a participación activa e inclusiva das persoas con discapacidade a través dun proxecto de arte comunitaria transfronteiriza ao tempo que se emprega como terapia que fomente a autonomía, a autoestima, a autorrealización e a expresión artística. Promoven esta iniciativa a Delegaçao de Valença e Delegaçao de Monçao da APPACDM de Viana do Castelo, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) e a Asociación de Persoas con discapacidade (VONTADE).

 

Por último, a proposta ‘Pensar o Corpo. Mover a Mente’ pretende incentivar á poboación a practicar deporte e combater o sedentarismo, valorando a saúde física e mental e fomentando os costumes e valores locais a través de workshops, mesas redondas, xantares, masterclass… É unha iniciativa promovida polo Club de Fitness de Cerveira (Asociación sen fins lucrativos) e a Asociación Sociocultural Senraia.