08 Xan Últimos días para que a cidadanía propoña nomes para a nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo O Concello invita a todos os tomiñeses e tomiñesas a enviar as súas ideas ata o 15 de xaneiro a través da web ou dúas caixas colocadas no mercado e na Casa Consistorial
Últimosdías para que a cidadanía de Tomiño envíe propostas para bautizar á nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo, unha vía que permitirá eliminar o tráfico de paso polo centro urbano da vila. Ata o vindeiro 15 de xaneiro todas as persoas interesadas poderán achegar as súas ideas de forma virtual a través do espazo habilitado na web do concello ou de forma presencial enchendo unha tarxeta con nome e deixándoa na caixas instaladas no Mercado Municipal de Tomiño e na propia Casa Consistorial.
Esta iniciativa forma parte da campaña ‘Ponlle nome!’, un proceso participativo a través do que se invita a todos os tomiñeses e tomiñesas a colaborar na proposta e elección do nome que levará esta nova estrada. “Queremos que a cidadanía sinta esta infraestrutura como súa e unha boa forma de implicala é deixar nas súas mans incluso o nome que se lle vai poñer a esta nova vía. Estamos convencidos de que esta infraestrutura vai ser unha mellora para todas as persoas que viven en Tomiño e parécenos fundamental que a xente se involucre con ela dende o principio”, asegura a alcaldesa da vila, Sandra González.
Próximas fases: selección e votación
Tras o remate da fase de recepción de propostas, que comezou o pasado 7 de decembro, un tribunal composto por persoas expertas encargarase de analizar todas as propostas recibidas e de facer unha selección de todas aquelas ideas que cumpran criterios como respecto ou orixinalidade, entre outros.
O vindeiro 21 de xaneiro de 2019 abrirase o prazo de votación popular para que a cidadanía complete o proceso de elección escollendo o seu nome favorito entre todas as propostas presentadas. Todos os tomiñeses e tomiñesas poderán depositar o seu voto novamente de forma presencial nunha caixa instalada para tal fin nas dependencias do mercado municipal e da Casa do Concello ou de forma online a través do espazo dedicado a esta iniciativa na web municipal. Os veciños e veciñas poderán votar ata o 28 de febreiro de 2019.
Un espazo pensado para as persoas
Con ‘Ponlle nome!’, o Concello de Tomiño quere darlle voz e voto á cidadanía nunha das obras máis importantes do municipio, xa que materializan un proxecto reclamado historicamente polo Goberno municipal e levan consigo a transformación do centro da vila cara un espazo público pensado para as persoas, no que a mobilidade peonil e sustentable sexa unha prioridade, con accesibilidade universal e xerando unha maior calidade de vida urbana.
Esta nova avenida rodeará o núcleo do Seixo e permitirá eliminar o tráfico de paso do centro urbano. Cunha lonxitude de 1.400 metros, enlazará a estrada provincial EP-3102 polo Sur e a PO-344 (rúa Gondomar) polo Norte, dando unha saída natural á avenida da República Arxentina e rúa da Pedra cara o Leste do núcleo, e enlazando o municipio coa futura Vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda. Esta variante enlazará os equipamentos situados na estrada provincial, como o CEP Pedro Caselles, a área deportiva de Mosteiro e a igrexa románica de Tomiño con novos equipamentos como o centro de saúde, o centro de día e mesmo o IES Antón Alonso Ríos, desviando do núcleo urbano uns 10.000 vehículos.
A vía terá unha sección de 18 metros, dos que seis estarán destinados a unha senda peonil e ciclista con arborado, mentres que a calzada terá dous carrís para o tránsito rodado coas súas correspondentes beiravías. Con cinco rotondas e unha vintena de pasos de peóns sobreelevados para distribuír e calmar a circulación e garantir a seguranza viaria, a nova avenida estará delimitada a unha velocidade máxima de 30 km/h.
Cun investimento de 3,5 millóns de euros, a construción da nova avenida de Tomiño é un proxecto levado a cabo grazas ao convenio de colaboración entre Concello de Tomiño, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.