Un dispositivo de Policía local velará polo cumprimento das novas medidas de restrición esta fin de semana en Tomiño O Concello reunirase esta semana cos hostaleiros de todo o municipio para explicarlles o protocolo que se debe seguir

Dada a situación de desescalada e ás novas restricións establecidas polas autoridades sanitarias, un dispositivo da Policía Local de Tomiño estará de servizo esta fin de semana para velar porque se cumpran todas as medidas de prevención, garantindo así a saúde de todas e todos. Neste sentido, os axentes patrullarán polo municipio para coidar que se cumpra cos aforos nos locais de hostalería e que se respectan todas as normas establecidas dende a Consellería de Sanidade nesta nova fase da pandemia.

Pola súa banda, o Concello reunirase ao longo da vindeira semana cos hostaleiros e hostaleiras para explicarlles polo miúdo os protocolos que se deben de seguir dende este mesmo venres 26. Tomiño atópase nestes intres en nivel 1 de alerta, cunha incidencia inferior aos 250 casos diagnosticados por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, o que permite entre outras medidas e con limitacións unha reapertura da hostalería, as reunións de non convivintes ou a apertura das instalacións deportivas e da práctica de deporte non federado.