Un inventario clave para impulsar o turismo e a enogastronomía nos concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño

Un inventario clave para impulsar o turismo e a enogastronomía nos concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño Tomiño participou na presentación do rexistro de 236 recursos vinculados a sendeiros, miradoiros e rutas cicloturistas para continuar apostando por un turismo de calidade e sustentable

Novo paso decisivo de cara a un turismo de calidade e sostible no territorio de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Tomiño participou xunto con representantes institucionais de todos os municipios do Xeodestino nun encontro no Porriño para coñecer de primeira man o inventario de recursos do territorio, un minucioso documento que non só reflicte o estado actual dos medios cos que contan os concellos do Xeodestino, senón que tamén marca o punto de partida para un ambicioso proxecto turístico que promete transformar o territorio nun referente de natureza e enogastronomía.

O inventario recolle un total de 236 recursos clave entre sendeiros homologados, miradoiros e rutas cicloturistas nunha análise detallada que non só proporciona unha visión clara da oferta existente, senón que sinala tamén o estado de conservación de cada un destes elementos, o que permitirá orientar as futuras intervencións levadas a cabo ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino ‘A Despensa de Galicia’.

Durante o encontro, as e os representantes dos municipios validaron os traballos realizados e deron os primeiros pasos para marcar a estratexia a seguir en tres eixos fundamentais: a creación dunha rede de miradoiros do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, a homologación de rutas de sendeirismo que vertebren o territorio e que permitan crear un produto competitivo a nivel turístico e enogastronómico e a posta en marcha dunha rede de rutas cicloturistas.

O obxectivo é desenvolver un produto turístico atractivo, sostible e adaptado ás novas tendencias que convertan ao Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño nun destino turístico de natureza e sostibilidade, unindo o valor da súa paisaxe e da súa contorna coa riqueza enogastronómica de todos os concellos que o integran. A tecnoloxía e a xeolocalización xogarán un papel clave na promoción e divulgación deste proxecto, facendo do rural un espazo innovador e conectado coas novas necesidades tanto da poboación local como das e dos visitantes.

Con esta aposta firme pola sostibilidade e o desenvolvemento turístico, Eu Rural e o Xeodestino seguen avanzando no seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino, reafirmando o seu compromiso coa valorización dos recursos naturais e culturais do territorio. O PSTD ‘A Despensa de Galicia’ forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), a estratexia formulada polo Goberno de España para acelerar a recuperación social e económica tras a pandemia da COVID-19 e que conta co apoio e o financiamento da Unión Europea a través do programa NextGenerationEU.