Un mural sobre a sabedoría das mulleres e a non violencia, no Campo de Fútbol do Alivio A deputada Montse Magallanes e a alcaldesa de Tomiño, presidiron a presentación do traballo, enmarcado dentro da campaña Mulleres en Acción: Violencia Zero, promovida pola Deputación de Pontevedra

A deputada provincial Montse Magallanes presidiu xunto á alcaldesa de Tomiño, o acto de presentación dun mural contra a violencia de xénero (obra da artista luguesa Doa Oa) que forma parte da campaña Mulleres en Acción: Violencia Zero, promovida pola Deputación de Pontevedra, coa colaboración, neste caso, do Concello de Tomiño.

O acto tivo lugar este mediodía no exterior do Campo de Fútbol do Alivio, coa asistencia, ademais, da comisaria da campaña, Paula Cabaleiro, a responsables do servizo de Igualdade na Deputación e no Concello (Lucía Muradas e Silvia Rodríguez, respectivamente); así coma varios concelleiros do equipo municipal e público en xeral.

A artista plástica Doa Ocampo “Doa Oa”, explicou as claves do seu mural “Xuntas samos”, incluído dentro do proxecto “Reforestando”. “Quixen que fora unha homenaxe ás mulleres menciñeiras e sanadoras, que transmiten o seu  poder e coñecemento de xeración en xeración, e que foron perseguidas”, asegurou. Na pintura, de máis de 8 metros de lonxitude, aparecen varias plantas medicinais, coma a ruda ou a beladona, moi utilizadas en Galicia para curar enfermidades.

Montse Magallanes referiuse ás orixes da campaña Violencia Zero e a como foi espallándose por cidades e pobos; escolas e parques e outros espazos abertos, co fin de ser motivo de reflexión e comprensión dunha realidade que non debería existir. A deputada asegurou que a temática do mural parecíalle moi axeitada. “Temos que seguir poñendo en valor as nosas habilidades e capacidades”, dixo neste sentido.

A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, dixo que o lugar elixido para colocar o mural era un campo de fútbol, coma xa se fixera con outro en Goián, por ser lugares tradicionalmente masculinizados que facilitan ademais, pola súa situación e estrutura, a visibilización da mensaxe.

A artista Doa Oa naceu en Sober (Lugo) en 1986, aínda que reside en Ferreira de Pantón. É graduada en Belas Artes e técnica superior en fotografía e participou en múltiples proxectos artísticos nacionais e internacionais. É a primeira vez que traballa no Baixo Miño. Segundo explicou durante o acto, gústalle representar nos seus traballos, plantas características do lugar, e especialmente aquelas con propiedades medicinais usadas tradicionalmente polas menciñeiras.