Unha ducia de premios para poñer en valor o esforzo do deporte tomiñés

Unha ducia de premios para poñer en valor o esforzo do deporte tomiñés A piragüista Uxía Rodríguez e o canoísta David Mella, mellores deportistas absolutos na VII Gala do Deporte de Tomiño

O Club Motonáutica Baixo Miño recolleu o galardón á inclusión no deporte

Tomiño vestiuse de gala para premiar e poñer en valor o talento deportivo do municipio. O auditorio de Goián converteuse esta fin de semana no escenario da Gala do Deporte de Tomiño, que celebrou a súa sétima edición con moitas gañas de recoñecer a todas aquelas e aqueles deportistas, clubs, asociacións, entidades e empresas que se esforzan día a día para levar ao deporte tomiñés ao máis alto. Un evento participativo no que por primeira vez se contou coa colaboración de clubs e veciñanza para propoñer candidaturas ás diferentes categorías premiadas.

A alcaldesa, Sandra González, e o concelleiro de Deportes, Rubén García, entregaron algúns dos premios da noite, case unha ducia de galardóns que foron dende os e as mellores deportistas absolutas ata o premio Inclusión no Deporte, que se incorpora por primeira vez aos galardóns e que recaeu no Club Motonáutica Baixo Miño polo seu labor para achegar o deporte a todas as persoas.

“Non podemos máis que estar orgullosos e orgullosas do esforzo, dedicación e implicación diaria dos nosos e nosas deportistas, tomiñeses e tomiñesas que traballan duramente para que o deporte de base sexa máis importante cada día e para levar o nome do noso concello por todo o mundo”, salientou a rexedora.

A piragüista Uxía Rodríguez e o canoísta David Mella foron recoñecidos durante a gala como mellor deportista feminina e masculino absoluto, respectivamente, polos innumerables éxitos que ambos os dous recolleron durante toda o 2023. Pola súa banda, as irmás Leira e Nerea Álvarez, integrantes do Club Deportivo Miño – Teixugos, compartiron o galardón Mellor Promesa Feminina. O atleta Sergio Silva, da Sociedade Atlética do Trega, fíxose co premio á Mellor Promesa Masculina.

Na categoría Mellor Club de Base, pensada para recoñecer á xente que traballa día a día co deporte de base, recaeu na Sociedade Atlética do Trega. Mentres, o Premio Fomento Deporte Feminino foi parar ao Tomiño Feminino F.C. Este ano, a gala contou co Premio á Entidade que Fomenta o Deporte Tradicional, un recoñecemento especial a aqueles clubs que mesturan o deporte coa integración e reúna os valores que promove a actividade deportiva de solidariedade, compañeirismo e solidariedade. O galardón recaeu no Club de Bolos Celtas Forcadela.

Roberto Millán, do Club Trasno de tiro con arco recolleu o premio ao Mellor Adestrador, e o Spartan Team alzouse co premio ao Mellor Evento Deportivo pola organización e celebración do seu Campionato de Kick Boxing. Como ven sendo habitual en cada edición, entregouse un premio Patrocinador a Informática Jaime por toda unha traxectoria protexendo e axudando a dinamizar o deporte tomiñés.

O concelleiro de Deportes salientou a presenza de colectivos, asociacións, clubs e público xeral na gala para render homenaxe a todas as persoas deportistas de Tomiño e lembrou a vontade do Goberno municipal de “continuar premiando ao deporte tomiñés, poñendo en valor traballo de clubs e deportistas, que cada ano nos sorprenden polos seus grandes éxitos nas disciplinas máis variadas”.