07 Dec Unha postal polo Nadal personalizada para case 700 maiores de Tomiño Un ano máis, ‘Voces Novas’ pon en marcha unha iniciativa que busca achegar o seu cariño ás persoas maiores e na que colaboran todos os centros de ensino do concello
O Nadal chega cheo de agarimo, ilusión e postais para as persoas maiores de Tomiño. Case 700 maiores do concello recibirán por correo unha postal personalizada de Nadal e Aninovo deseñada, creada, escrita e enviada polo alumnado dos centros de educación primaria e secundaria do municipio.
O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ‘Voces Novas’, pon en marcha un ano máis unha nova edición de ‘Unha postal polo Nadal’, unha iniciativa que naceu durante a pandemia co obxectivo de que nenos e nenas “puideran facer chegar todo o seu cariño ás persoas maiores de Tomiño nun momento tal delicado como o que estabamos a pasar”, explica a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez.
A grande acollida que tivo esta iniciativa entre a xente moza fixo que o proxecto, que se pensou inicialmente para realizar coas residencias do concello, se estendera finalmente ao resto de persoas maiores do municipio, chegando tamén a todos os fogares no que vivan maiores de 85 anos. Os centros que participan nesta iniciativa son o CEP Pedro Caselles Beltrán, CEIP Pintor Antonio Fernández, CEIP de Sobrada, CEIP de Tebra, CEIP de Barrantes e IES Antón Alonso Ríos.
Como sinala a concelleira, “esta actividade pode levarse a cabo grazas á gran colaboración de todos os centros de ensino de Tomiño, que reservan sesións para que o alumnado escriba unhas postais que sabemos que enchen de ilusión ás nosas e nosos maiores”. Un traballo enorme que non sería posible sen a participación de un gran número de persoas ás que o Concello quere agradecer un ano máis o seu compromiso e colaboración desinteresados.
En total case 700 tarxetas pintadas e decoradas con diferentes técnicas nas que se incluíron ademais mensaxes personalizados para cada unha das persoas que recibirán as postais. Rodríguez anima a todas as persoas remitentes a responder a estas tarxetas feitas con agarimo, “algo que sabemos que tamén lles gustará aos nosos nenos e nenas”.
Tomiño é unha das Cidades Amigas da Infancia recoñecidas en Galicia por UNICEF. Un dos requisitos para conseguir esta distinción foi precisamente contar cun Consello da Infancia e Adolescencia comprometido co futuro do seu municipio e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, que inclúen desde a eliminación da pobreza ata a loita contra o cambio climático.