Unha trintena de establecementos de Tomiño participan na Ruta Nadal + Nadal Forman parte da campaña posta en marcha polo Concello para fomentar o comercio local nestas datas, con premios en metálico para clientela e establecementos

Arredor dunha trintena de establecementos de Tomiño forman xa parte da Ruta Nadal + Nadal, unha nova edición da campaña organizada polo Concello co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade e promover o consumo nos establecementos locais especial nunha das épocas do ano con maior índice de vendas.

A campaña ofrece ata 4.500 euros en premios en metálico tanto para aquelas persoas que nestas datas escollen os comercios de Tomiño para facer as súas compras como para os propios establecementos. Así, ata o 27 de decembro, a clientela que merque nos comercios adheridos á Ruta Nadal + Nadal disporán dunha urna na que depositar os seus tíckets de compra por valor de máis de 20 euros para participar no sorteo de vales de compra polo dobre do valor do tícket depositado ata un máximo de 150 euros. Repartiranse ata 3.000 euros en premios entre os compradores e compradoras.

Pola súa banda, os establecementos participantes na Ruta Nadal + Nadal compiten por ter a mellor decoración en escaparates e locais durante estas datas con elementos naturais, reciclados e sostibles, creando un ambiente agradable e atractivo este Nadal nas rúas e nos establecementos tomiñeses. Un xurado visitará os diferentes comercios para escoller á decoración máis orixinal nas modalidades de mellor escaparate e mellor local, con premios en metálico de 500 euros para os comercios que queden en primeiro posto e de 250€ para os que resulten en segundo lugar.

A alcaldesa, Sandra González, salienta o compromiso do Concello de Tomiño co comercio local e coa dinamización económica da vila e destaca a importancia deste tipo de campañas “para apoiar ás nosas e nosos comerciantes, pero tamén a toda a veciñanza. O grande éxito das edicións anteriores demostra que iniciativas como esta son un grande aliciente para dar pulo ao noso comercio e fomentar as compras nos establecementos que temos ao lado da casa”. Unha campaña que ademais de ter unha grande acollida “permite dar continuidade ás accións de apoio á economía local que desenvolvemos dende o Concello ao longo de todo o ano”.

O 27 de decembro abriranse no salón de plenos do Concello as urnas recollidas dos establecementos participantes e procederase ao sorteo dos vales de compra. Os vales premiados poderán recollerse no Concello e empregarse en calquera dos comercios e servizos participantes na Ruta Nadal+Nadal do 29 de decembro ao 5 de xaneiro.

O mesmo 27 de decembro coñecerase o fallo do xurado sobre o concurso de decoración nos establecementos e procederase á entrega de premios. Os comercios participantes nesta edición son:

  • Judith Estilistas
  • Litosport
  • Entrelagar CB
  • Joyería Pazo
  • Parafarmacia Roma
  • Fotomiño
  • Mercería O Fío
  • A coquetiña by Patricia Rodríguez
  • Carrera Decoración
  • Roupa Paredes
  • Libería Ideas
  • La Piña Coqueta
  • Alimentación Olga
  • Happy Kids
  • La Reina Caracola
  • Limón y Fresa
  • Arte Peluquería
  • Confecciones Isabel
  • Celdis Estipel
  • Calzados González
  • Galioptica
  • Novidades
  • Agrícola Tomiño
  • Mercería Chantilly
  • Rodríguez The Brand Store
  • Ro & Ro