Unha unidade móbil de doazón de sangue estará en Goián o mércores 20 de marzo

Unha unidade móbil de doazón de sangue estará en Goián o mércores 20 de marzo Estará situada na parada do autobús (na Carballeira) de 16 a 21 h

Goián acolle o vindeiro mércores 20 de marzo unha nova visita dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue. Como ven sendo habitual, a unidade estará situada na parada do autobús, na Carballeira, de 16.00 a 21.00 horas para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade.

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que engloba o centro de transfusión de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase o de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia en función das súas necesidades.

Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles a diferentes puntos de Galicia e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender ás e aos doentes que así o precisen. Deste xeito búscase atender as máis de 400 doazóns de sangue que se necesitan diariamente en Galicia para facer fronte ás 2.800 urxencias, 800 intervencións cirúrxicas, un transplante de órganos, as 1.600 atencións nos hospitais de día e atender a doentes de cancro e leucemia cada día.

As persoas interesadas en doar deben lembrar que só poden doar os maiores de 18 anos cun peso mínimo de 50 kg, que hai que almorzar ou agardar dúas horas despois do xantar e levar tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Recoméndase non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e débese informar ao persoal médico se se está a tomar algunha medicación.